O CONCELLO DE MUGARDOS INXECTA LIQUIDEZ AOS PROVEDORES CO PAGO DE MÁIS DE 1.700.000 EUROS EN 6 MESES
A Concellería de Facenda e Persoal anunciou no día de hoxe a tramitación dun novo Recoñecemento Extraxudicial de Crédito para a súa aprobación no próximo Pleno Ordinario previsto para o día 29 deste mes, e que permitirá a posta ao día das débedas con pymes e autónomos aos que o Concello debía máis de 1.710.000 euros.
“No mes de xuño teremos recoñecidas, aprobadas e pagadas todas as débedas cos provedores particulares que tiña o Concello de Mugardos cando chegamos ao goberno. Teñen sido meses moi difíciles sabendo que tiñamos xente coa que o Concello tiña débedas e que levaban sin pagar anos. Foi moito o traballo pero esperamos ter axudado pagando todas estas débedas por traballos feitos meses e incluso anos atrás” expuso Miguel Mahía responsable da Concellería de Facenda mugardesa.
Desde o departamento informan de que nestes momentos seguen traballando en 3 eixes fundamentais: modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) municipal que permita dotar de maior flexibilidade á plantilla e adaptala ás necesidades reais do traballo, os orzamentos deste 2020 e o Plan Económico Financieiro (PEF) ao que a administración local viuse abocada polos incumprimentos económicos dos últimos anos.
O Concelleiro quixo aclarar porqué seguen dispostos a aprobar uns orzamentos en 2020, estando xa no mes de maio “Os orzamentos de 2020 permitirían pagar este ano débedas pendentes de pago que o Concello de Mugardos ten desde fai anos, como os 320.000 euros adebedados ao Concello de Ares, os 40.000 euros pendentes de pago a EMAFESA e 120.000 euros en concepto de horas extraordinarias pendentes aos traballadores municipais. Ademáis, a pandemia do COVID-19 require inversións importantes en canto a urbanismo, obras, maquinaria ou asistencia social que podería afrontarse xa este mesmo ano” sinalou Mahía.