Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS E O CLUB DO MAR ORGANIZAN UNHA HOMENAXE A PEPE DEUS

O domingo ás 12.00 horas no Cantón de Cora descubrirase unha placa na súa honra

O alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, convidou hoxe aos mugardeses e mugardesas á homenaxe a Pepe Deus, organizada conxuntamente co Club do Mar, o próximo domingo27 de marzo ás 12.00 horas no Cantón de Cora, onde se descubrirá unha placa na honra deste mugardés ilustre.

José Deus López, enxeñeiro e capitán de fragata, naceu en Mugardos en 1928, e foi un dos homes que participaron na creación e posterior éxito de Astano, o mellor astillero do mundo como él mesmo reivindica.

O que é un dos maiores expertos mundiais en botaduras, viu como a súa vida cambiaba para sempre aos 19 anos, cando a súa nai faleceu no accidente no que o buque Sánchez Barcaiztegui á súa saída da ría de Ferrol afundiu a lancha de Mugardos. Deixou entón o bacharelato e accedeu á escola da Bazán, desde onde os seus estudios e o seu duro traballo, o levaron a acadar o título de Doutor na Escola Superior de Enxeñeiros Navais de Madrid.

“Unha vida profesional de enorme éxito, plagada de historias de supervivencia e aprendizaxe, que leva ao Concello a facerlle esta pequena homenaxe a un mugardés ilustre, exemplo de superación e traballo, querido e admirado a partes iguais” sinalou Juan Domingo de Deus.

“Animamos a todos os mugardeses e mugardesas a achegarse o domingo ata o Club do Mar. Xa sabemos todos que a Pepe non lle gusta especialmente ser o centro de atención, pero esperamos que sentir o cariño e recoñecemento dos seus veciños e veciñas debuxe na súa faciana un máis dos seus habituais sorrisos” finalizou o alcalde.

Back to top