Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS AMPLÍA O CATÁLOGO DE ACTIVIDADES FORMATIVAS

O Centro de Formación Municipal Francisco Vizoso convértese nun espazo especializado no ámbito dixital e social

Miguel Mahía, concelleiro de Persoal, Facenda e Participación, informou hoxe da ampliación das actividades formativas homologadas pola Xunta de Galicia que permitirán impartir novas especialidades no Centro Municipal ‘Francisco Vizoso’.

En concreto, as novas acreditaciones obtidas son as 4 seguintes:

-Alfabetización informática, informática e internet.

-Internet, redes sociais e dispositivos dixitais.

-Habilidades sociais, comunicación, intelixencia emocional e traballo en equipo.

-Técnicas de busca de emprego.

O concelleiro quixo destacar a importancia desta ampliación na homologación do centro polo impulso á acción formativa que vai permitir. “É importante que a veciñanza saiba que desde o Concello non podemos impartir todos os cursos, só podemos organizar aqueles para os que o centro conta coa homologación preceptiva da Xunta de Galicia. Por iso, esta é unha gran noticia, xa que a partir de agora, o espazo formativo de Francisco Vizoso poderá acoller cursos con temáticas tan demandadas como habilidades dixitais ou comunicativas” sinalou Mahía.

Francisco Vizoso xa está considerado na actualidade un centro pioneiro e de referencia dentro da Mancomunidade de Ferrolterra polo amplo abano de especialidades formativas que poden dedsenvolverse nas súas instalacións.

“Seguimos traballando para ampliar aínda máis o catálogo de cursos a impartir desde o Concello, así como a calidade dos mesmos. Sabemos que a formación e a cualificación profesional son ferramentas vitais para a inserción laboral, e máis no contexto económico, laboral e social que estamos a vivir na actualidade” finalizou o edil.

O Centro de Formación Francisco Vizoso contaba ata este momento coa habilitación outorgada pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para impartir cursos de Xestión contable e xestión administrativa para auditoría, Xestión integrada dos recursos humanos, Asistencia documental e de xestión en despachos e oficinas, Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, Financiamento de empresas e Inglés: xestión comercial.

Back to top