O CONCELLO DE MUGARDOS ADXUDICA O NOVO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
Por primeira vez, o Concello inclúe os servizos de de podoloxía, perruquería e fisioterapia no catálogo de atención do SAF
Mugardos, 2 de maio de 2022. A concelleira de Benestar Social, Ana Varela, informou hoxe da adxudicación do Servizo municipal de Axuda no Fogar (SAF), para os usuarios e usuarias de dependencia e de prestación básica, á empresa PROTECCIÓN GERIATRICA 2005, S.L. para os próximos 3 anos.
Por primeira vez o Concello de Mugardos incorporará os servizos de podoloxía, perruquería e fisioterapia para os usuarios e usuarias municipais, sempre previo informe técnico que sinale a necesidade do mesmo.
Ademáis a empresa deberá poñer a disposición do Concello material de axuda técnica de diversa índole, como 3 camas articuladas, 3 grúas de movilización, 6 colchóns antiescaras, 4 cadeiras de rodas e 4 asentos de baño e ducha. Este material asignarase segundo informe técnico aos usuarios e usuarias do Servizo de Axuda no Fogar para a mellora da calidade da atención.
Así mesmo, a concesionaria ten incluido no seu contrato a prestación anual de ata 5 limpezas de choque, das que o concello poderá dispoñer para casos puntuais nos que desde o departamento técnico se aconselle este tipo de intervención.
A adxudicación definitiva acordouse no Pleno ordinario celebrado na tarde do mércores 27 de abril, e na mesma quedou fixado un custe máximo anual para o Concello de 290.890,60 euros, polo que a empresa virá obrigada a prestar 14.084 horas de servizo de axuda no fogar cada ano, das que 12.680 destinaranse a usuarios e usuarias que dispoñan da dependencia recoñecida polo órgano competente da Xunta de Galicia, e as outras 1.404 horas prestaranse a usuarios e usuarias do servizo de libre concorrencia.
A concelleira confirmou que está previsto o inicio do servizo por parte da empresa adxudicataria para as próximas semanas logo da firma do contrato, e que as familias serán informadas puntualmente das novidades do servizo.
“Por fin o Concello de Mugardos dispón dun servizo de axuda no fogar regulado, dunha empresa obrigada a prestar o servizo por contrato e dun catálogo de servizos que cubre moitas das demandas que os usuarios e usuarias veñen pedindo desde fai anos. Confiamos en que a mellora na atención redunde nunha mellora na calidade de vida dos usuarios, dos seus coidadores e das súas familias, e seguimos traballando para ampliar ao máximo a cobertura das necesidades dos mugardeses e mugardesas desde o meu departamento” sinalou Varela, que quixo aproveitar a oportunidade para animar á veciñanza a achegarse ata o concello para coñecer de primeira man todos os recursos dipoñibles para as familias.