Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS CELEBRA OS MAIOS MÁIS MAIOS QUE NUNCA

Concello, Apelón Educación e centros de ensino participarán nos eventos do 6 e o 9 de maio

2 DE MAIO DE 2022. A concelleira de Cultura Begoña Roldós presentou hoxe os actos de celebración dos Maios e as Letras Galegas 2022.  O Concello de Mugardos participa na celebración o 6 e o 9 de maio con Apelón Educación e todo os centros de ensino do municipio en “Máis maios que nunca, máis lingua que nunca!”.

Este venres 6 de maio, no CEIP Santiago Apóstol de Franza, Concello e Apelón Educación organizan a celebración dos Maios cunha xornada lúdica para os nenos e nenas do centro, na que xunto coa Banda de Gaitas Trouleada desfrutarán, da celebración desta tradicional festa da primavera chea de cantos e adornos de flores, follas e froitos.

Desde os centros de ensino Unión Mugardesa, Loyola e IES Mugardos o alumnado asistirá á celebración dos Maios o 9 de maio, nos que amosarán os traballos artísticos da rapazada de Mugardos. Desde un barco de vexetación que farán os da FP básica ata bailes e propostas florais diversas de Unión Mugardesa e Loyola.

Esta actividade contará co Concerto de MJ Pérez “Cos maios, coa música e coa lingua!”.

O Concerto terá lugar no Cantón de Cora. A artista MJ Pérez dirixirase á rapazada co seu concerto que transcorrerá de 12.30 a 13.30 horas, cun breve descanso para despedir ás 13.00 horas ao alumando de Infantil.

MJ Pérez é unha creadora feita a si mesma que ten grandes potencialidades para conectar co alumando pola súa novidade, pola súa aposta pola promoción da lingua e por presentarse como artista da contemporaneidade que desenvolve proxectos magníficos con diversas colaboracións, mais sempre cunha identidade autoeditora e multiartista.

Así temos diversas intervencións como A peza solta, na que funde poesía e música ou o poema musicado de Carvalho Calero Non existe a morte, pasando polos seus discos Guerrilleira, A luz prendida ou Vai Embora onde loce as súas raíces lusas por parte de nai! Estas serían algunhas das interesantes intervencións da artista MJ Pérez da que podemos destacar a súa resistencia publicando online a peza Cumbia para quitar as penas no confinamento de 2020.

Finalmente, poderiamos destacar a súa difusión do coñecemento da propia historia con temas como Agarda no horizonte sobre a historia de Pedro e Inés ou o tema Casandra. Nestas músicas MJ dá a coñecer figuras adiantadas ao seu tempo como Casandra, unha visionaria que non foi escoitada. Se cadra, a ecoloxía e revitalización das linguas son tamén ideas adiantadas ao noso tempo que podemos promover da man de MJ.

Back to top