Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO CONVOCA AOS PRACEIROS PARA PRESENTAR O PROXECTO DE REFORMA DO MERCADO MUNICIPAL DE SAN TELMO

O goberno ten previsto sacar a licitación esta obra nas vindeiras semanas

O concelleiro de Participación Cidadá, Miguel Mahía, ven de convocar o 30 de maio ás 17.00 horas no Salón de Plenos do Concello aos praceiros e praceiras do Mercado Municipal de San Telmo, para abordar a inminente reforma da Praza de Abastos.

Á espera do informe de fiscalización do gasto, a obra de reforma da Praza de Abastos para adecuala ás novas necesidades de postos de venda, conta cun orzamento de execución total de 240.297,50 euros, IVE (21%) incluído, e dispón da correspondente consignación orzamentaria para facer fronte ao gasto nos Orzamentos do 2022 aprobados o pasado xoves.

O edificio da Praza de Abastos municipal de San Telmo componse de dúas edificacións diferenciadas. Unha edificación máis antiga, a orixinaria, composta por unha nave central e dúas naves laterais de menor altura construída en 1963 e cunha superficie de 454 metros cadrados, e un engadido “recente” tipo nave de bloque e cerchas metálicas sen ningún tipo de interese arquitectónico.

O proxecto que está previsto presentar o próximo luns, prevé dúas actuacións bastante diferenciadas, que serán o desmonte e eliminación de todos os elementos construtivos existentes no inmoble tipo nave, deixando o lugar limpo e expedito para posteriores actuacións, e a reforma integral da nave antiga do mercado para poder adecuala ás necesidades presentes e futuras do mercado.

Mahía confirmou que “durante os últimos meses téñense dito moitas cousas sobre este proxecto, desde que non se ía facer por que o goberno quería pechar o mercado, ata que non se podía facer por problemas de financiación. Pois a realidade é que o proxecto vaise facer e conta con financiación. Agardamos ter rematada a obra antes do 30 de setembro que remata o prazo para xustificar a execución da obra. Levamos desde marzo de 2021 traballando neste proxecto (xa que o anterior que viña de 2019 non contaba con informes favorables), encargamos un proxecto novo, aprobámolo, solicitamos as autorizacións urbanísticas ás administracións competentes, orzamentamos a financiación necesaria e solicitamos unha subvención, e por fin procedemos a presentar o proxecto e a iniciar as tarefas de coordinación cos praceiros e praceiras”.

Back to top