Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO COLABORA NA CAMPAÑA DE CONCIENCIACIÓN SOBRE AS MASCOTAS “NON SON XOGUETES

O Concello de Mugardos informa da aposta pola concienciación e a sensibilización para disuadir á cidadanía de comprar cans para regalar polo Nadal coa edición dunha volantina, da man da asociación INDICAN.

A campaña céntrase en lembrar que os cans non son xoguetes, senón seres con sentimentos, que sofren, necesitan contacto humano e compromiso afectivo e económico toda a vida. Tamén se incide na opción da adopción cando se decida incorporar un animal á familia, para non fomentar a cría ilegal e para aliviar a superpoblación de Mougá e outros refuxios da comarca, onde hai centos de cans desexando gozar da calor dun fogar despois de anos de espera.

Este soporte en papel distribuirase masivamente entre a poboación mugardesa, con especial fincapé nos centros educativos, ademáis da difusión a través das canles municipais en redes, whatsapp e web.

Pero non será esta unha actividade illada, senón que forma parte dun plan estratéxico de políticas activas de benestar animal por parte do Concello de Mugardos, de xeito conxunto coa asociación INDICAN, que suporá, entre outros, a posta en marcha da xestión controlada das colonias felinas en base ao sistema CER (Control – Esterilización – Retorno), coa implicación activa da cidadanía, para facer fronte a esta realidade dunha forma ordenada e sostible.

Así mesmo, apostarase pola actualización da Ordenanza Municipal de Tenencia de Animais Domésticos, a creación de espazos de esparexemento como un parque canino, a habilitación de varias calas como praias caninas ou o desenvolvemento de sesións de sensibilización e campañas de divulgación coa empatía animal como eixo. Estas son algunhas das accións que converterán a Mugardos nun municipio amable e activo no fomento da convivencia en harmonía, a tenencia responsable e o compromiso que supón coidar e educar a un animal doméstico nun contexto urbano.

Back to top