Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello colabora na campaña de concienciación para disuadir á cidadanía de mercar cans como se fosen agasallos de Nadal

A campaña está promovida pola asociación Iniciativa Dignidad Canina (INDICAN)

Mugardos, 9 de decembro de 2021.– O Concello de Mugardos está a difundir entre a cidadanía o trato responsable dos animais de compañía, a través da edición de volantinas e carteis, da man da asociación Iniciativa Dignidad Canina (INDICAN).

A campaña céntrase en lembrar que os cans non son xoguetes, caprichos nin modas ou produtos de usar e tirar senón seres vivos con sentimentos, que sofren, necesitan contacto humano e compromiso afectivo e económico toda a vida. Tamén incide na opción da adopción responsable cando se decida incorporar un animal á familia, para non fomentar a cría ilegal, a compra compulsiva e o abandono. Estas prácticas, aínda que están penadas pola Lei, son habituais e moitas veces levan ao encadeamento ou reclusión permanente en gaiola cando os cans se fan adultos. Os folletos en papel distribuiranse entre a poboación mugardesa, nos domicilios, en centros sociais, deportivos, comercios, etc. con especial énfase nos centros educativos. A campaña tamén se difundirá a través das canles municipais en redes, whatsapp e web. 

Esta iniciativa forma parte dun plan estratéxico de políticas activas de benestar animal do Concello de Mugardos, que se traducirá na educación en valores como a empatía e a aposta pola protección, fronte a actitudes inadmisibles nunha sociedade avanzada e moderna.

A nova Ordenanza Municipal de Tenza e Benestar dos Animais de Compañía -que entrará en vigor en xaneiro de 2022- e moitas accións asociadas coma a posta en marcha da xestión controlada das colonias felinas en base ao sistema CER (Control – Esterilización – Retorno), a creación de un parque canino, ou sesións de sensibilización e campañas de divulgación coa empatía animal como eixo,  convertirán a Mugardos nun municipio amable e activo no fomento  da convivencia en harmonía cos animais de compañía.

Back to top