Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO ABRE NOVOS EXPEDIENTES POLO DEPÓSITO DESCONTROLADO DE ENSERES

A Concellería de Servizos vén de informar da apertura de máis dunha ducia de novos expedientes sancionadores no mes de xullo, froito do depósito irregular de enseres nas rúas mugardesas.

As causas máis habituais polo que un depósito de enseres é considerado irregular e pode dar lugar á apertura dun expediente sancionador é, ben por non ter avisado polas canles adecuadas ao concello previamente, ou ben por facelo fóra das datas previstas para a realización do depósito.

Desde o departamento de Servizos lémbrase á veciñanza que os enseres estanse a recoller todos os luns do mes de agosto.  A próxima data de recollida é o luns 10 de agosto, polo que o depósito debe realizarse o domingo 9 de agosto ao carón do contedor máis cercano ao domicilio. Antes de realizar o depósito, é obrigatorio poñelo en coñecemento do concello para informar do lugar e dos obxectos a depositar. As persoas interesadas en facer un depósito correcto dos seus enseres poden informar desta circunstancia ao departamento de Servizos de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas, chamando ao 981 470 290 (extensión: #2028).

O concelleiro Jorge Kuntz informou do endurecemento da posición municipal polo dobre risco que os depósitos irregulares de enseres están a supoñer para a veciñanza “por un lado está o tema evidente da limpeza e da seguridade, pero este ano a cuestión sanitaria cobra unha especial relevancia. Todos temos que colaborar, e logo de estar meses desinfectando as rúas para evitar contaxios, non ten ningún sentido que non se vexa o risco de encher as rúas de todo tipo de restos”.

Kuntz fixo un chamamento tamén á colaboración cidadá na denuncia destas prácticas perigosas e incívicas “todos temos dereito á protección da nosa saúde, e estes comportamentos non deben ser consentidos pola cidadanía. Aqueles que vexan a persoas ou vehículos facendo depósitos de entullos ou enseres en calquera punto do concello fóra do día sinalado (os domingos) ou afastados dun contedor, deben poñerse en contacto coa Policía Local ou a Garda Civil de xeito inmediato”.

Back to top