Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CASTELO DA PALMA PODERÁ VISITARSE NOS MESES DE AGOSTO E SETEMBRO

Un ano máis, os interesados poderán reservar as visitas á fortificación mugardesa a través da oficina de información turística

A concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Roldós, informou hoxe de que o Concello de Mugardos organizará no mes de agosto e setembro as xa tradicionais visitas ao Castelo da Palma. Varias son as zonas e os elementos de interese do Castelo accesibles durante as visitas, destacando as imponentes vistas da ría.

“Abriremos a axenda de reservas a última semana deste mes de xullo, para iniciar as visitas a primeira fin de semana de agosto. Por suposto o acceso será gratuito” confirmou Roldós.

As visitas, cunha duración aproximada de 45 minutos, consisten nun percorrido polas cubertas do Castelo da Palma, así como polo patio interior, o sistema de raíles, a capela e algún outro elemento de interese como a celda de Tejero.

As persoas interesadas en reservar a súa praza poderán facelo presencialmente desde o 26 de xullo na Oficina de Información Turística municipal, na Avenida do Mar, 1. Tamén poderán facelo chamando ao 630 885 761 ou no correo electrónico oit.mugardos@gmail.com.

O acceso estará organizado por quendas, cun aforo máximo de 20 persoas (nenos e nenas incluidos) en cada unha delas. Todos os venres, sábados e domingos de agosto e setembro habilitaranse catro quendas, dúas de mañá ás 11.30 e 12.30 horas, e outras dúas polas tardes ás 17.00 e ás 18.00 horas.

“Este verán, case 2.000 persoas poderán desfrutar do Castelo da Palma, construcción defensiva con máis de 400 anos de historia, e unha das fortalezas do coñecido como “Triángulo de Fogo” xunto aos outros dous castelos ferroláns, o de San Felipe e o de San Martín” rematou a concelleira.

Back to top