Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS PRESENTA A PROGRAMACIÓN DO MES DE AGOSTO

Máis dunha ducia de eventos gratuítos organizados pola Concellería de Cultura e Turismo 

Mugardos, 22 de xullo de 2022. A Concelleira de Cultura de Mugardos, Begoña Roldós, presentou hoxe a programación cultural do Concello para o mes de agosto, no que grandes e pequenos poderán desfrutar de música, cultura, teatro e deporte.

O venres día 5 darase o pistoletazo de saída ás 20.00 horas na Praza do Concello coa representación da obra “As minas do Rei Salomón” da compañía Teatro Ghazafelhos.

Esta primeira fin de semana continuará coa actuación o sábado día 6 ás 23.00 horas do grupo Fanfarria Taquikardia, que porá a todo o mundo a bailar na zona do Cotellón – Bar Picas. E para pechar, na mesma ubicación, o domingo ás 22.30 horas actuará Breocans Folk, grupo de música tradicional galega con fusión de música balcánica e mediterránea.

No Campo do Río do Seixo, o xoves 11 de agosto ás 22.00 horas o Grupo de Títeres representará a obra “Varietés do Animalario”, para trasladar a diversión de novo á praza do Concello o venres, onde o Mago Martín Camiña presentará o seu espectáculo “Distraccións a estrear” a partir das 20.00 horas.

Antonio Barros actuará con Ialma no exterior da Sociedade de San Xoán de Piñeiro, cun espectáculo onde se interpretarán famosas badaladas e boleros, o sábado desde as 22.00 horas dentro da programación da Festa dos callos. Pola súa banda, tamén o sábado e desde as 23.00 horas no peirao mugardés, O Bloco Afro achegará o seu espectáculo Trópico de Grelos.

O domingo 14 de agosto haberá tamén actuacións por partida dobre. Desde as 13.30 horas, a charanga Louband poñerá todo o ritmo e animación na zona do Cotellón – Bar Picas, e a partir das 22.30 horas na pista exterior do Casino Mugardés presentará o seu novo traballo Xoán Curiel en banda Treides Comigo!, coa musicalización de varias cantigas medievais compostas por trobadores galegos vencellados dalgún xeito a autores dos lugares polos que transcorre o Camiño de Santiago.

Xa o luns, e tamén na pista exterior do Casino Mugardés ás 22.30 horas, chegará o momento do concerto da Gramola Ye-Ye e Sonboleros, que interpretarán cancións dos guateques dos anos 60 e 70 xunto á mellor música latina.

O venres 19 de agosto desde as 20.00 horas en San Vitorio (Franza de Abaixo), o grupo de teatro O Cubo porá en escea a obra Ghop!, unha mestura de maxia, circo e humor.

A música chegará ao peirao mugardés o sábado ás 22.30 horas da man da Coral Poliafónica do aturuxo de Melpómene, na que as 13 persoas que forman a agrupación versionan cancións clásicas de hoxe e onte cunha posta en escea a modo de chirigota.

Para pechar a programación cultural de agosto, o venres 26 desde as 21.00 horas no Cantón de Cora, volve o Peirao Rock a Mugardos cos grupos Poisson Dagger, Polisong, Marthyrium, Cranio e Wisdom.

A concelleira lembrou que a esta programación cultural de agosto haberá que engadirlle a programación deportiva, aínda pendente de pechar algúns puntos “pero todo o mundo tranquilo, que por suposto teremos a festa do deporte, e por suposto, as visitas ao Castelo da Palma que estarán dispoñibles en agosto e setembro”.

“Este está a ser un verán especial, é a volta á normalidade pero con precaución. Está claro, porque xa o estamos a percibir nas actividades que levamos de xullo, que a xente estaba desexando compartir momentos de festa e desfrute. Así que ese foi o noso obxectivo. Seguimos programando o máximo de actividades posibles en espazos abertos e esperamos ter acertado coa programación deste mes” finalizou Roldós.

Back to top