Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ANO 2023 CHEGARÁ A MUGARDOS CARGADO DE MAXIA, DIVERSIÓN E SORPRESAS

O remate das actividades de Nadal chegará coa xa clásica recepción aos Reis Magos de Oriente no Pavillón do Cristo

A concelleira de Cultura, Begoña Roldós, presentou hoxe a programación das actividades municipais de inicio de ano, que terán como actos centrais a maxia de Magic Mateo o día 3 de xaneiro en Franza, a recepción ás Súas Maxestades os Reis Magos o día 5 de xaneiro no Pavillón do Cristo, e a celebración de San Xulián o 7 de xaneiro.

Magic Mateo, o ilusionista ferrolá de 14 anos, presentará no Casino Progreso de Franza o martes 3 de xaneiro ás 18.00 horas o seu espectáculo cheo de humor e sorpresas, apto para todos os públicos.

O 5 de xaneiro, chegarán as Súas Maxestades de Oriente Melchor, Gaspar e Baltasar a Mugardos que ofrecerán unha recepción real a todos os nenos e nenas que desexen achegarse ata o Pavillón do Cristo. A animación dará comezo ás 17.30 horas e os pequenos da casa poderán desfrutar da música e os xogos mentras esperan a chegada das SSMM Os Reis. Dentro do programa previsto para a recepción, ás 18.00 horas ofrecerase o espectáculo El Gran Braulio, apto para todos os públicos, no que Braulio un mago torpe e despistado, fará desfrutar aos presentes cos seus trucos.

O día 7 de xaneiro Mugardos celebra o día de San Xulián, e logo da misa solemne o Concello ten programada unha sesión vermú amenizada polo dúo Xilo a partir das 13.30 horas na praza do Mercado.

Begoña Roldós aproveitou a presentación dos primeiros eventos previstos para o 2023 para facer un balance inicial da programación municipal de Nadal desenvolta no mes de decembro e salientou a gran participación da veciñanza nas actividades realizadas ata o momento “O Mugardos Concilia conta con máis dunha vintena de nenos e nenas, os obradoiros de tarde desta semana que se están a organizar polas parroquias presentan tamén unha alta participación, os eventos deportivos tamén contaron con numerosos competidores; en resumo, un balance positivo que serve unha vez máis como acicate para seguir traballando na procura dunha programación municipal á altura do noso pobo”.

Back to top