Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE ANUNCIA UNA BATERÍA DE PROXECTOS PARA A SEGUNDA METADE DO ANO

O alcalde Juan Domingo de Deus informou hoxe do inicio dunha nova etapa no seu goberno para este segundo semestre de 2020, logo de que aos atrancos económicos iniciais queden solventados coa próxima aprobación dos orzamentos, e anuncia a posta en marcha de media ducia de grandes proxectos.

A ampliación da Escola Infantil, a compra dun inmoble para ubicar a nova biblioteca municipal, o desbloqueo do proxecto do Cine Zárate e a renovación completa do alumeado público son algúns dos grandes proxectos de inversión municipais nos que a alcaldía, en colaboración cos diferentes departamentos e administracións, leva traballando meses e que de Deus espera que reciban o impulso definitivo nos próximos meses.

“A pandemia da COVID-19 modificou substancialmente os nosos planes, pero a saúde é o primeiro e tivemos que centrar a maioría dos nosos esforzos nas tarefas de prevención de contaxios e na protección da poboación. Unha vez iniciada a desescalada, retomamos os proxectos con forza e esperamos que antes de finalizar o ano todos teñan xa iniciada a súa tramitación, para que poidan ser unha realidade no 2021” afirmou o alcalde.

Estes meses serviron tamén para establecer vínculos de diálogo con comerciantes e hostaleiros municipais que se atoparon na mesma situación de necesidade de adaptación e cambio que a administración local “Dese diálogo constante naceu a liña de axudas de ata 150.000 euros que temos previsto aprobar nos orzamentos para este 2020. Estamos comprometidos coa veciñanza na necesidade de traballar xuntos na saída desta crise sanitaria e económica”.

O rexedor quixo tamén destacar a capacidade de adaptación que tivo a administración local durante a pandemia. “Desde os traballadores e traballadoras ata os propios concelleiros e eu mesmo, tivemos que aprender moito e utilizar os poucos recursos dispoñibles o mellor posible. Ao inicio da pandemia actuamos rápido suspendendo actividades, pechando instalacións e mercando material, e probablemente gracias a esas decisións logramos axudar a frear o avance do virus. Os servizos sociais non deixaron de funcionar, non houbo ningún contaxio entre os traballadores e os grupos municipais traballamos man con man na comisión de seguimiento da COVID que se constituíu no concello”.

Punto e aparte merece para Juan Domingo de Deus o comportamiento da veciñanza durante estes meses “Aínda nos emocionamos coa onda de solidariedade que se formou para a confección das máscaras faciais, ou a cantidade de xente que se ofreceu como voluntaria durante o confinamento para axudar a outras persoas, ou coas palabras que escoitamos cando estivemos repartindo as pantallas porta por porta. Logo de este comportamiento exemplar, a veciñanza merece que traballemos arreo” e neste punto lembrou que desde o goberno seguen impulsando a diario actuacións de prevención, como a limpeza e desinfección dos parques infantís, a entrega gratuita de pantallas e máscaras faciais ou a adaptación das instalacións municipais para a atención ao público.

Finalmente, o alcalde insistiu en que na segunda parte do ano, o seu goberno centrarase na posta en marcha de iniciativas moi relevantes para a veciñanza,  “Afianzaremos a modernización da administración con licitacións de servizos que permitan funcionar de manera áxil e rápida na prestación dos servizos, seguiremos traballando no establecemento de relacións de diálogo e colaboración con outras administracións que nos fan máis fortes, e sacaremos adiante proxectos que cambiarán para sempre Mugardos. E este é só o comezo, porque orzamentariamente o 2020 é un ano de transición. No 2021 esperamos poder proponer á veciñanza os proxectos ilusionantes que permitan avanzar na modernización e dinamización de Mugardos e a súa contorna”.

Back to top