O 7 DE XUÑO VOLVE A CELEBRACIÓN DO VOTO DE CHANTEIRO
Os Concellos de Mugardos e Ares organizan esta tradicional romaría, que non se celebrada desde 2019
26 DE MAIO DE 2022. A concelleira de Cultura Begoña Roldós presentou hoxe os actos de celebración da tradicional romaría do Voto de Chanteiro 2022, que se celebrará o próximo 7 de xuño, e que organizan conxuntamente os concellos de Mugardos e Ares.
O programa presentado dará comezo ás 10.30 horas coa saída dos autobuses desde Mugardos e Ares en dirección á ermida. O bus con saída de Mugardos iniciará o seu percorrido en San Xoán, pasando posteriormente polo Seixo, Franza, A Pedreira, Mugardos e chengando a Chanteiro. Pola súa banda, a ruta do bus de Ares pasará por Pedregal, Pezoas, Seselle, Porta do Sol, Lubre, Cervás e Chanteiro.
Ás 12.00 horas celebrarase a tradicional misa, e ao rematar a ceremonia repartirase empanada e viño, e terá lugar a actuación do grupo de gaitas Aresán para amenizar a romaría.
Ás 14.00 e ás 19.00 horas está programada a saída dos autobuses de volta con percorrido Chanteiro – Ares – Mugardos.
Begoña Roldós e Alma Barrón, concelleiras de Cultura de Mugardos e Ares respectivamente, mostraron a súa enorme satisfacción pola volta dunha das tradicións máis queridas por mugardeses e aresáns, que hermana ás dúas vilas mariñeiras nos actos de honra á Virxe e atrae devotos de toda a comarca.
“Logo destes anos tan duros, o regreso da celebración do Voto de Chanteiro é unha das novas máis esperadas. Esperamos ver a ermida da Nosa Señora da Merced chea de romeiros e romeiras desfrutando e vivindo intensamente esta celebración”
A celebración do Voto de Chanteiro, na honra da Virxe da Merced, é unha das romarías de maior arraigo da comarca na que os devotos agradecen á virxa a súa intervención na epidemia da peste no século XV.