Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A BESTARRUZA DISPORÁ ESTE VERÁN DE SERVIZO DE SOCORRISMO TODOS OS DÍAS

Esta será a primeira vez que a praia da Bestarruza contará a diario co servizo de vixilancia, salvamento e asistencia

O concelleiro de Servizos, Jorge Kuntz, informou hoxe de que a praia da Bestarruza contará co servizo de vixilancia, salvamento e asistencia todos os días dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro, de 12.00 a 20.00 horas.

O obxectivo da ampliación do servizo foi o de dotar de maior seguridade a estancia dos usuarios e usuarias no areal, así como o de mellorar a calidade do servizo de atención aos bañistas.

Kuntz quixo lembrar que as persoas con discapacidade e mobilidade reducida, grazas á ampliación do horario, disporán tamén do servizo de cadeira anfibia todos os días do verán. “Simplemente teñen que solicitalo directamente na caseta de socorrismo ou no Concello” indicou.

“A Bestarruza é xa un areal consolidado entre os destinos de praia pola súa localización inmellorable e a calidade da auga, e con este servizo ponse á par coa maioría dos areais máis coñecidos da comarca. Desde o noso punto de vista, trátase dun espazo ideal para familias” rematou o concelleiro.

O servizo foi adxudicado por unanimidade na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrado no día de onte á empresa Sedega por 15.214,06 euros.

Back to top