NOVO AVANCE NA IMPLANTACIÓN DE CAMIÑOS ESCOLARES SEGUROS EN MUGARDOS
No día de onte a xefa provincial de Tráfico, Victoria Gómez Dobarro ,e Francisco Ceniza, responsable de educación viaria da Xefatura de Tráfico, validaron o proxecto de “Camiños escolares seguros” destinados aos colexios Unión Mugardesa, IES de Mugardos e Colexio Loyola.
Os camiños escolares seguros son unha demanda da comunidade educativa incluída no proxecto de Plan de Emergencias Municipal (PEMU) que deseñou o concello e que permitirá implantar formas de desprazamento máis sostibles e seguras.
Esta é unha iniciativa dirixida aos menores para que poidan moverse con seguridade e autonomía polas rúas, transformando e promovendo modos de mobilidade sostible, así como a adquisición de maiores graos de autonomía.
Á presentación, realizada en dúas quendas, acudiron os directores dos centros escolares, as ANPAS e o alcalde Juan Domingo De Deus como concelleiro de mobilidade. Este ano xa se implantaron melloras na circulación na contorna do IES co establecemento dunha soa dirección no acceso ao instituto o que permite que os menores suban e baixen do autobús polo lado da beirarrúa. Así mesmo, na contorna do Colexio Loyola instaurouse de xeito consensuado cos veciños un único sentido de circulación na vía.
Desde o goberno sinalouse que o PEMU será o resultado do traballo conxunto dos responsables políticos e da veciñanza, xa que son os veciños e veciñas os destinatarios das medidas finais e resulta imprescindible a súa colaboración.
Así mesmo, Juan Domingo de Deus quixo destacar o gran traballo realizado pola Policía Local, encargada da coordinación destes traballos e que está a mostrar unha enorme implicación nos proxectos de mellora da mobilidade.