Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS SÚMASE AO MANIFESTO EN DEFENSA DA PESCA DE ALTURA

O concelleiro de Participación representou á corporación na mobilización que tivo lugar en Ribeira o pasado sábado

10 DE OUTUBRO DE 2022. O alcalde Juan Domingo de Deus informou hoxe da adhesión do goberno municipal ao manifesto en apoio da pesca de altura, e a posta a disposición do documento á veciñanza para que poidan unirse tamén coa súa sinatura. 

No manifesto esíxese que a Comisión Europea continúe defendendo ao conxunto do seu sector pesqueiro contra quen quere acantoala con intereses pouco transparentes, e que manteña sempre a ambición de mellorar a política pesqueira e de facela máis eficiente na consecución dos seus obxectivos.

De Deus destacou que como ben sinala o manifesto “a pesca, a pesca artesanal en particular, o marisqueo, a acuicultura e toda a cadea mar-industria constitúen unha fonte fundamental de alimento de recoñecido valor nutritivo, e constitúen en Galicia e por suposto en Mugardos, un elemento imprescindible na xeración de riqueza e emprego”.

O concelleiro de Participación Miguel Mahía explicou que desde a súa concellería púxose a disposición da veciñanza o documento para a recollida de firmas no servizo de Atención ao Público, no baixo da Casa do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Así mesmo, Mahía trasladou a súa satisfacción pola participación o pasado sábado na mobilización que tivo lugar en Ribeira desde a que “quedou moi claro que o sector pesqueiro non pode ser sinalado como parte do problema do cambio climático, xa que obviamente é unha parte moi relevante da solución”.

Back to top