Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS EXPRIME A FIN DE SEMANA CON DEPORTE, MÚSICA E TEATRO

A celebración da Montefaro Enduro Race e do festival de fin de curso da Escola de Música así como peche do ciclo “Os domingos imos rir” marcaron a axenda desta fin de semana

A derradeira fin de semana de maio deixou en Mugardos unha morea de divertidos momentos froito da actividade cultural, de ocio e deportiva programada. O sábado celebrouse o festival de peche do curso na Escola Municipal de Música, e o domingo a Montefaro Enduro Race e o fin do ciclo “Os domingos imos rir” no Casino.

Moita música e moitas miradas cheas de orgullo protagonizaron a tarde do sábado nunha xornada moi especial, na que os alumnos e alumnas da Escola de Música Municipal interpretaron unha gran diversidade de estilos e pezas. A explanada da Escola das Lagoas encheuse, nunha tarde solleira na que familias, profesorado e alumnado, así como os veciños e veciñas que se achegaron, pudieron desfrutar do aprendido durante este curso.

O domingo as bicicletas foron as protagonistas durante a mañá, cos máis de douscentos participantes da Montefaro Enduro Race loitando e deleitándose a partes iguais nun percorrido de case 40 quilómetros moi técnicos e duros. Na categoría feminina, Cristina Menéndez foi a vencedora, acompañada por Anja Hovorka e Elena Pérez que ocuparon o segundo e terceiro posto respectivamente. Na categoría masculina foi Edgar Carballo o gañador da proba, con Marco Veiga e Kevin Méndez completando o podio, e na EBike Javier Fernández Quiroga logrou a primeira praza, seguido de Álex Ledo e David Pazos.

Para rematar, nun Casino Mugardés cheo, as risas e a diversión de grandes e pequenos protagonizaron a actuación de Peter Punk, que puxo  final ao ciclo “Os domingos imos rir” que durante todo o mes de maio percorreou Mugardos con actuacións en todas as parroquias.

Desde o goberno municipal valorouse moi positivamente a resposta dos mugardeses e mugardesas ante a actividade cultural, deportiva e de ocio programada durante o mes de maio “Este foi o primeiro mes no que a programación municipal desenvolveuse con total normalidade, sen restriccións de aforo ou organizativas. E como era de esperar a veciñanza respondeu participando e gozando dos eventos e actividades. Esperamos estar á altura neste próximo xuño, onde os programas “Mugardos fai teatro” e “Vémonos nos bares” xunto co Voto de Chanteiro serán o núcleo central da actividade”.

Back to top