MUGARDOS DÁ INICIO Á PROGRAMACIÓN DE NADAL CO ACENDIDO DA ILUMINACIÓN O DOMINGO ÁS 19.00 HORAS
A concelleira de Cultura Begoña Roldós informou hoxe de que o Concello de Mugardos procederá ao acendido do alumeado de Nadal o próximo domingo 6 de decembro ás 19.00 horas na Praza do Concello, dando inicio á programación de Nadal.
A principal novidade deste ano para o acendido é a programación por primeira vez en Mugardos dunha festa de inauguración do alumeado, aberta á veciñanza e pensada especialmente para o desfrute dos máis pequenos da casa, que encherá de luz e espírito navideño as rúas e prazas de Mugardos. A presentación do evento correrá a cargo dunha parella de trasnos de nadal e un mago, que teñen preparadas moitas sorpresas para este día.
Desde as 19.00 horas, os nenos e nenas mugardeses poderán compartir momentos de alegría e sorrisos no photocall instalado na praza, así como cos magos e trasnos que participarán no evento, e incluso aproveitar para deixar as súas cartas para Papá Noel ou os Reis Magos. Con respecto á programación musical prevista, durante este evento vivirase un momento especial coa estrea oficial dunha panxoliña moi mugardesa, que para sorpresa de todos fará que chegue a neve a Mugardos.
No que respecta ao alumeado, este ano auméntase e refórzase a iluminación de nadal instalada en todas as parroquias cun total de 53 arcos de luz, a maiores dunhas luces especiais para as farolas do peirao mugardés, unha espectacular árbore de Nadal azul instalada na Praza do Concello, e un precioso abeto branco de 6 metros de alto instalado na rotonda de Franza. Instalarase tamén un belén na praza do Concello, de luces led, que conta con 5 figuras de gran tamaño e beleza.
Sobre o resto da programación cultural prevista ata o 6 de xaneiro, a concelleira confirmou que será presentada nos próximos días cando estean pechadas as datas definitivas, aínda que Begoña Roldós adiantou que haberá buzóns repartidos polo concello para a recollida de cartas por un elfo do norte e un paxe real, obradoiros infantís e o 5 de xaneiro xa está confirmada a visita dos Reis Magos de Oriente a Mugardos.
Begoña Roldós quixo subliñar que é unha programación totalmente innovadora a deste Nadal en Mugardos “Nunca antes se fixera unha festa de acendido do alumeado navideño, nunca houbera árbore, ou belén, ou caixas de correos de Nadal, nin tampouco tanta iluminación coma este ano. Pero pensamos que, unha vez decidido seguir adiante coa programación e priorizando os eventos no exterior, pagaba a pena darlle á veciñanza un Nadal especial”.
A concelleira confirmou que o goberno municipal valorou durante semanas a suspensión da programación de Nadal debido ás circunstancias sanitarias, pero que finalmente decidiuse manter as actividades co obxectivo,entre outros, de activar o comercio e a hostalaría locais. “Con responsabilidade, sentidiño e adoptando as medidas de prevención que todos coñecemos xa, as actividades programadas para estas datas poderanse desenvolver con total normalidade. Os comercios, a hostalaría e as propias familias necesitamos vivir estas festas da forma máis normal posible dentro do cumprimento da normativa e as restricións vixentes en cada momento” sinalou Roldós.