Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS CONTARÁ CUNHA PISTA DE PUMPTRACK EN O BAÑO

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras

Mugardos, 10 de setembro de 2021. Grazas a un convenio coa Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Mugardos instalará unha nova pista de Pumptrack no termo de O Baño.

Esta denominación, de recente implantación, fai referencia a unhas pistas pechadas, con desniveis e peraltes, que nos últimos anos convertéronse nunha paisaxe característica das zonas urbanas e tamén nun habitual punto de encontro para a mocidade.

Dita infraestrutura permitirá que os afeccionados ás acrobacias urbanas poidan desenvolver a súa actividade tanto con skate como noutras versións de patinete ou de bicicleta de acrobacias ( BMX).

A este respecto, Juan Domingo de Deus, alcalde de Mugardos, declarou o seguinte: “Temos unha escola punteira de BTT, como é Pulpeiros, que logrou que Mugardos sexa unha referencia a nivel nacional, e que xunto cos mozos que practican deportes urbanos, verán nesta nova infraestrutura unha oportunidade para consolidar as súas aptitudes e facer de Mugardos un pobo onde os mozos e amantes do deporte teñan sempre un aliciente”.

As obras, ás que se destina un total de 74.474 €, IVE incluído, contan cun prazo de execución de 60 días naturais e serán acometidas pola empresa Francisco Gómez e CIA, s. l., que ofreceu unha ampliación do prazo de garantía da mesma ata os 3 anos. 

Back to top