Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS CANCELA A CELEBRACIÓN DA FESTA DO POLBO DESTE ANO

Cancelar a XXX edición da Festa do Polbo de Mugardos foi o acordo adoptado hoxe na comisión extraordinaria de cultura e turismo, órgano no que se debateu e adoptou a medida co apoio de todas as forzas políticas presentes na corporación, excepto Esquerda Unida.

Os motivos expostos para a cancelación pasan pola imposibilidade de artellar un dispositivo que permitise garantir a seguridade sanitaria dos asistentes, participantes e organizadores, así como os fluxos de movilidade dos milleiros de persoas que puideran achegarse ao evento.

En reunións anteriores xa se expuxo por parte do goberno municipal que os protocolos de actuación vixentes (limitación de aforo, desinfección, limpeza, distancia social) impedían a organización dun evento destas características sen a aplicación de medidas que resultan inviables para a organización, expoñendo a un risco elevado de posible contaxio por coronavirus aos asistentes e á organización.

“Non era posible organizar unha festa coas mínimas medidas de seguridade, e para nós iso é o primordial. Nunca sabremos que podería pasar de terse celebrado, pero de seguro, a XXX edición da Festa do Polbo de Mugardos contará con todas as garantías para todos os participantes, e iso este ano era imposible garantilo” afirmou o alcalde Juan Domingo de Deus.

Así mesmo o alcalde agradeceu o apoio dos concelleiros e concelleiras de PSOE e BNG na adopción desta difícil decisión, así como nas propostas para o desenvolvemento de medidas económicas de apoio aos autónomos e pemes mugardesas.

Para paliar o impacto da cancelación dun evento desta importancia para a economía local, o alcalde anunciou que xa está a traballar nunha batería de medidas en coordinación con todos os departamentos municipais: medidas fiscais, de movilidade, sociais e culturais.

A primeira medida, xa moi avanzada e que esperan poñer en marcha en poucos días será unha liña de axudas directas a autónomos e pemes cun orzamento total duns 150.000 euros.

Así o anunciou o concelleiro de facenda Miguel Mahia “Estamos habilitando unha partida orzamentaria duns 150.000 euros (ampliables se fixera falta) que recolla todo o que non se vai emplear na festa do polbo, para adicalo exclusivamente nunha liña de axudas directas para as empresas mugardesas,. Faremos todo o que esté nas nosas mans para que ninguén quede polo camino”.

Do mesmo xeito, o concelleiro de obras e servizos Jorge Kuntz avanzou que se está a traballar na posibilidade de ampliar e modificar espazos públicos que axuden á hostalaría a ampliar os espazos de terrazas (respectando así o distanciamento social) e aos desprazamentos a pé, sen perxudicar a movilidade do tráfico rodado “Esta é unha medida para o curto e o medio prazo. Os mugardeses e mugardesas teremos que adaptarnos ás novas formas de relación social, e tamén o deseño e a movilidade do noso concello terá que facelo para facilitar a vida da veciñanza”

Desde o departamento de servizos sociais, a concelleira Ana Varela adiantou que se está a traballar na modificación do regulamento de axudas de emerxencia para facer máis axil a tramitación destas axudas e ampliar a súa cobertura “Son moitas as familias que dun día para outro viron que a súa situación económica empeorou. O Concello ten que ter unha resposta para esas familias e xa estamos traballando nela”.

O departamento de cultura e turismo centra os seus traballos na preparación dunha axenda cultural que, respectando as medidas impostas polo goberno central, permita ir retomando a axenda de eventos habituais, así como na xestión das contratacións xa avanzadas para a festa do polbo deste ano, e que intentaranse manter para a edición do ano próximo “Esta era unha edición moi especial da Festa do Polbo, a trixésima edición, que estábamos a preparar de xeito moi especial. O ano que vén será aínda máis especial, e traballaremos arreo para que sexa inesquecible” sinalou Begoña Roldós, que quixo recalcar tamén que “somos conscientes da importancia que ten a programación cultural na actividade económica do concello, e xa estamos a traballar para impulsar o turismo no concello. Será difícil, pero traballaremos xuntos para reactivar o consumo”.

O Alcalde quixo finalmente mandar unha mensaxe de ánimo e esperanza aos veciños “Desde que comezou a pandemia, este goberno está traballando cun só obxectivo: protexer e axudar o máximo posible aos veciños e veciñas de Mugardos. E ese obxectivo é moi amplo e supón moito traballo, pero non apartaremos a nosa vista del en ningún momento. O 100% dos recursos municipais están a disposición dos mugardeses e mugardesas”.

Back to top