Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS AVANZA NA PRÓXIMA EDICIÓN DA FESTA DO POLBO E FESTAS DE VERÁN

Avanzan os preparativos da XXXI edición da Festa do Polbo e a contratación das orquestras e eventos

A concelleira de Deportes, Begoña Roldós, informa dos avances na contratación das festas do verán e a Festa do Polbo, con novidades como son as orquestras París de Noia, América ou Asia entre outras.

“Se a XXX foi unha gran edición da Festa do Polbo, esperamos que a XXXI supere todas as expectativas. Teremos unhas festas do Polbo e do Carmen cargadas de música, deporte e diversión para todas as idades”, declarou Roldós. 

Segundo avanza a concelleira, o 8 de xullo, día do polbo, haberá actuacións dos Kilomberos, Louband e a orquestra Finisterre para, o día 9 de xullo, contar coa actuación dos Coleguitras.

A fin de semana do Carmen, Mugardos contará con diversos grupos musicais como son o 14 de xullo Jaque e a Paris de Noia, o 15 de xullo con Gin Tonis e América, e o 17 de xullo para pechar as festas, a orquestra Claxon.

O 26 de xullo tocará no Seixo a orquestra Asia e os 25 e 26 de agosto, terá lugar unha nova edición do Periao Rock.

“Estas son algunhas das sorpresas coa que ir abrindo boca para o que pode ser un verán inesquecible en Mugardos, tanto a nivel turístico como de entretemento.” Declaraba a concelleira.

E é que ademais de música e festas, Mugardos acollerá tamén o 19 de agosto a copa Galicia de Pumptrack, algo no que desde o Concello queren agradecer publicamente a Pulpeiros BTT pola súa implicación neste proxecto. “Logramos contar cunha instalación inmellorable como é o pumptrack de O Baño, e lográmolo grazas ao apoio técnico e o coñecemento de Pulpeiros BTT. Tamén coa súa colaboración poñeremos a Mugardos no mapa nacional desta disciplina, despois de lograr uns éxitos rotundos nas probas nacionais de enduro,  podo aventurar lograremos o mesmo no ámbito de pumptrack” finalizou Roldós. 

Back to top