MUGARDOS ASINA UN CONVENIO COA FEMP PARA CONTINUAR COA FORMACIÓN EN ADMINISTRACIÓN DIXITAL
Logo do éxito da xornada formativa celebrada fai dúas semanas, o goberno municipal decidiu ampliar a divulgación da administración electrónica
O alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, asinou hoxe o convenio coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para a posta en marcha dun proxecto de achega da administración á cidadanía e seguir realizando xornadas de divulgación do certificado dixital.
O pasado día 15 de febreiro celebrouse unha primeira clase na que quedou patente o interese da veciñanza así como a utilidade de divulgar as ventaxas e posibilidades da administración electrónica. “Máis de 20 veciños e veciñas achegáronse ata o salón de plenos, e a maioría marcharon co seu propio certificado dixital xa expedido”.
“A administración dixital achega o acceso aos servizos públicos da veciñanza independientemente do seu lugar de residencia, ou as súas circunstancias persoais e laboráis, permitindo realizar todo tipo de tramitacións en calquera lugar e a calquera hora. É como ter aberto o concello as 24 horas do día os 365 días do ano” explicou o rexidor.
O pasado mércores 22 o pleno do concello facultou a De Deus á sinatura deste convenio, que permitirá que funcionarios cualificados se despracen a Mugardos para informar e asistir aos veciños na realización das xestións dixitais contribuido a eliminar desprazamentos dos veciños e a superar a fenda dixital.