Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS APROBA UNHA MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA DE 75.025,54 €

O convenio con Protección Civil, a reparación de parques e xardíns e a adquisición de parcelas son as partidas orzamentarias máis elevadas da modificación

O concelleiro de Facenda, Miguel Mahía, informou hoxe da aprobación no pleno municipal dunha modificación orzamentaria por 75.025,54 euros que permitirá ampliar o convenio con Protección Civil, a reparación e mantemento de parques e xardíns, e a adquisición de dúas parcelas para ampliar o ximnasio do Complexo Acuático do Castro. Con cargo a esta modificación orzamentaria tamén se levará a cabo a mellora das obras de urbanización da rúa Apelón, a instalación dun barco tradicional na entrada de Mugardos, os cursos de formación para a veciñanza do uso dos desfibriladores, e a adquisición de diverso mobiliario urbano.

O desglose e importe das partidas incluidas nesta primeira modificación de créditos extraordinarios e suplementos de créditos iniciase cos 10.000 euros destinados á reparación e mantemento de parques infantís de Mugardos, para acondicionar as distintas áreas de xogos destinadas á poboación infantil que se atopan en Mugardos, de xeito que se podan retomar e alcanzar a calidade e a funcionalidade adecuada para o óptimo uso das instalacions. O concelleiro lembrou neste punto que esta partida municipal ampliarase próximamente cos 41.000 euros solicitados á Xunta para o acondicionamento dos parques do Campo do Río, A Pedreira, Roibeiras e San Xoán de Piñeiro.

A modificación continúa coa asignación de 6.050 euros destinados ao suministro de bancos para varias zonas de Mugardos, co fin de mellorar o mobiliario urbano para ofrecer máis calidade de vida aos veciños do municipio.

A necesidade de asinar un convenio nominativo coa agrupación de voluntarios de Protección de Civil para ampliar a cobertura dos servizos que prestan (dado o interese das agrupacións de voluntarios de Ferrol, Fene e Mugardos en fusionarse, o que permitirá dotar de máis servizos e efectivos a agrupación de Mugardos) conleva a incorporación de 7.500 euros á partida de Protección Civil do orzamento de 2023.

Outros 24.675,54 euros da modificación destinaranse á adquisición das parcelas colindantes co Complexo Acuático do Castro co obxectivo de garantir unha ampliación das instalacións, o que melloraría a sua viabilidade de cara á nova licitación da explotación do complexo acuático.

Outros 10.000 euros máis serán destinados tamén á adquisición dunha parcela, neste caso na rúa Apelón, para incorporala ao patrimonio municipal en previsión das obras de mellora que se realizarán con cargo ao POS nesa rúa.

O Pleno da corporación aprobou tamén asignar 7.500 euros ao transporte e a obra de acondicionamento de zona verde na Fonte Grande para colocación dunha embarcación co fin de difundir e afondar na imaxe turística de Mugardos como vila mariñeira.

A modificación incorpora tamén 4.900 euros para formar ao persoal municipal no uso adecuado dos desfibriladores recientemente adquiridos, 1.400 euros adquirir material para as escolas deportivas municipais (mesa e material de tenis de mesa (palas e pelotas) e outro material deportivo (bandas elásticas, musculación…) para dar un mellor servizo aos veciños do municipio, e 3.000 euros para abrir unha partida que permita a redacción do primeiro regulamento para determinadas retribución aos traballadores.

Back to top