Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

INICIANSE OS TRABALLOS DE LIMPEZA E MANTEMENTO DAS ZONAS VERDES MUNICIPAIS

O contrato firmado onte inclúe traballos en parques, rotondas, camiños municipais, xardíns e outros puntos.

A empresa do mantemento de zonas verdes ven de iniciar os seus traballos no concello de Mugardos, segundo informou hoxe o concelleiro de Servizos, Jorge Kuntz, logo de ser adxudicados os traballos por 145.000€ durante os próximos dous anos a Jardinería Arce S.L.

A empresa ten programados os cortes dúas veces ao mes (como mínimo) nos 72.000 metros cadrados de zonas verdes municipais a manter, cortar e limpar, segundo o contrato adxudicado.

Os parques nos que se realizarán os traballos serán: Parque de Rosalía de Castro, A Pedreira, Os Carneiros, Casino de San Xoán, parque do Penso, da Seaña e Roibeiras.

Outras zonas de lecer que tamén están incluidas nas tarefas a realizar pola empresa adxudicataria son Beiramar, o Campo do Río, a urbanización do Pazo das Condesas, e as zonas verdes do Caldoval e o Zárate, así como as unitarias de Novás, O Seixo e San Xoán.

Tamén se incluíu nos pregos o mantemento de zonas costeiras como son as rotondas do peirao de Mugardos, os xardíns e medianeiras do Cantón de Cora e as medianeiras do Baño.

Para rematar, Kuntz dixo que, de xeito excepcional, nos traballos adxudicados tamén se atopan a poda e o mantemento das seguintes arboledas: 17 árbores en Rosalía de Castro, 22 árbores no parque dos Carneiros, 14 no Camiño do Cemiterio, 120 árbores repartidas desde o parque do Peteiro ata o Castelo da Palma, 7 palmeiras no Cantón de Cora e as 3 palmeiras sitas na contorna da Casa do Concello.

O concelleiro confirmou que “esta é a primeira vez que o Concello de Mugardos conta cun servizo periódico de limpeza, mantemento e poda de xardíns e zonas verdes, co que esperamos darlle unha solución definitiva a este problema e que mellore substancialmente o estado e coidado destes espazos municipais”.

Para rematar, Kuntz quixo facer unha aclaración sobre o inicio dos traballos da empresa: “Hai que ter algo de paciencia, xa que os primeiros cortes van parecer pouco efectivos, pero non por que estean mal feitos, Desde a empresa xa se nos aclarou que para chegar ao estado óptimo de corte, en moitas zonas deberán aplicar técnicas que nun primeiro momento deixen a sensación de que se trata dunha actuación mal rematada. É importante que os veciños e veciñas dean un tempo ata que o estado dos cortes chegue ao punto desexado, para q as tarefas sexan só de mantemento. Tamén por iso, nun primeiro momento, serán actuacións que levarán máis tempo”.

O concelleiro tamén advertiu que “nalgúns puntos e nos primeiros cortes, a empresa pode que deixe restos de podas en zonas que teñen agora a herba especialmente alta, co obxecto de retardar o crecemento e axudar a alcanzar o estado óptimo das zonas. Nuns tres meses esperamos que todos os espazos estean xa listos para entrar na fase de mantemento”.

Back to top