GRAN ACOLLIDA DA TERCEIRA CHARLA DO PROGRAMA ‘DIVERXENTES’ ORGANIZADA EN MUGARDOS
O Concello de Mugardos fai unha valoración moi positiva da terceira charla celebrada dentro do programa DiverXentes, unha iniciativa desenvolvida en colaboración entre a área de Benestar e a Biblioteca Municipal co obxectivo de promover espazos de información, sensibilización e apoio ao redor da diversidade e o benestar emocional.
A actividade contou cunha importante participación e unha gran acollida por parte dos asistentes, consolidando o interese que está a espertar este programa entre veciños e familias do municipio.
A concelleira de Benestar, Patricia Ruiz de Azcárate, destacou que “o éxito de participación demostra a necesidade de seguir xerando espazos de encontro, escoita e información sobre distintas realidades que afectan a moitas persoas e familias”.
O programa continuará o próximo mes de xuño cunha nova charla centrada nas altas sensibilidades. Posteriormente, as actividades farán unha pausa durante o verán para retomarse novamente no mes de outubro con novas propostas.
Desde o Concello agradécese a implicación de todas as persoas participantes e a colaboración da Biblioteca Municipal no desenvolvemento desta iniciativa.