ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓNS NA ESCOLA DE ENVELLECEMENTO ACTIVO +55 ANOS
A concelleira de Servizos Sociais Ana Varela presentou o programa de envellecemento activo municipal, destinado aos maiores de 55 anos. Os obradoiros programados para o curso 2022-2023 desenvolveranse en distintos espazos municipais a partir do 1 de outubro.
No Local Social de maiores de Mugardos terán lugar os de memoria, lectoescritura e psicomotricidade, no Centro Cívico haberá teatro e na Casa da Cultura alfabetización dixital.
No Seixo as actividades desenvolveranse na Escola Infantil do Seixo, onde as persoas interesadas poderán asistir a comprensión oral e escrita, memoria, bailes e manexo do smartphone e as distintas aplicación (sobre o funcionamento dos móviles e as súas aplicacións).
No espazo formativo de Francisco Vizoso de Franza e no Casino de San Xoán de Piñeiro tamén se ofrecerá o obradoiro de manexo do smartphone e as distintas aplicación (sobre o funcionamento dos móviles e as súas aplicacións).
Tamén en Francisco Vizoso, impartirase a materia de memoria.
As persoas interesadas en participar en unha ou varias destas actividades poden inscribirse ata o 7 de outubro nas dependencias municipais de Servizos Sociais sitas no segundo andar da Casa do Concello, que dispón de horario de atención ao público de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas. Para máis información pode contactarse tamén telefónicamente cos Servizos Sociais municipais chamando ao 981 470 338 (extensión 2034).
A concelleira quixo destacar os numerosos beneficios emocionais, sociais, materiais e psicolóxicos que estas actividades teñen para os maiores. “A maioría dos usuarios da escola de envellecemento activo municipal repiten ano tras ano, xa que manterse activo e coidarse son os prinicpais obxectivos destas actividades e unha prioridade para os maiores”.
O prazo permanecerá aberto dende o 15 de setembro ata o 7 de outubro.