Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CONCELLO E SINDICATOS ACORDAN POR UNANIMIDADE A MODIFICACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO MUNICIPAL

A Concellería de Persoal dirixida por Miguel Mahía informou hoxe do acordo alcanzado entre goberno municipal e representantes sindicais para a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) na mesa de traballo aberta e o seu traslado á mesa xeral de negociación.

O documento foi ratificado por unanimidade entre os presentes e supón un novo impulso ás relacións entre traballadores e administración, recollendo moitas reivindicacións laborais que os xulgados xa recoñeceran anos atrás e obrigas legais pendentes de actualización.

Este é o caso da praza de tesourería, que segundo a lexislación vixente desde fai anos debe ser ocupada por un funcionario habilitado nacional. Así mesmo, acordouse  a creación da praza dun técnico de medio ambiente no organigrama municipal ou o recoñecemento de pertenecer á plantilla municipal dos membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) como así ditaminou a xustiza en numerosas sentenzas firmes. Goberno e sindicatos aprobaron tamén o regulamento de segunda actividade para todo o persoal da administración municipal.

O concelleiro confirmou que o goberno dá por finalizadas neste punto as negociacións da RPT no que respecta ás prazas do organigrama municipal, e afirmou con rotundidade que “Nós imos defender este documento na mesa de negociación política, xa que recolle as reivindicacións dos traballadores e esta é a nosa posición. Fai xa moitos anos que determinados grupos municipais teñen unha liorta aberta cos traballadores que o único que fai é entorpecer o traballo e prexudicar aos veciños. Nós non facemos sindicalismo de pancarta. Sentamos cos traballadores, escoitamos as súas peticións, dialogamos e propoñemos coa lei na man. Así acadamos ata o momento todos os acordos por unanimidade, desbloqueamos as relacións administración-sindicatos e logramos a paz social que non se lograra nos últimos 5 anos”.

Miguel Mahía confirmou que o texto levarase a aprobación en canto dispoña do visto bo do resto de forzas políticas na mesa xeral de negociación e dos informes técnicos pertinentes, e que o seguinte obxectivo desde a Concellería de Persoal é a apertura das ofertas públicas de emprego pendentes de convocatoria.

Back to top