CARTA DOS REIS MAGOS DE ORIENTE AOS NENOS E NENAS DE MUGARDOS
A concelleira de Cultura Begoña Roldós informou hoxe da recepción no Concello dunha carta firmada polos Reis Magos de Oriente destinada para os nenos e nenas de Mugardos onde informan da decisión de cancelar a cabalgata prevista para o día 5 de xaneiro, pero a cambio realizar unha recepción oficial para todos os nenos e nenas no pavillón municipal ese mesmo día.
A continuación, e dada a importancia do anuncio, reproducimos a carta íntegra firmada polas súas altezas reais Melchor, Gaspar e Baltasar:
“Queridos nenas e nenos:
Este ano, o Nadal está a ser diferente, pero logo de pensalo moito, decidimos que non podíamos deixar de visitar Mugardos e de darlle as gracias a todos os nenos e nenas polo ben que o fixeron este ano, polo ben que están a coidar das súas familias, e polo ben que o están a facer no cole coas novas medidas para prevenir a COVID. Os vosos profes xa nos teñen informado do orgullosos e contentos que están con vós e do ben que o estades a facer.
Así que levamos días preparando unha recepción oficial para vós o próximo martes 5 de xaneiro desde as 18.00 horas no pavillón polideportivo do Cristo.
Podedes vir todos, estamos desexando saudarvos un ano máis. Prepararemos unha sala de espera onde os nosos paxes reais poderán atendervos como merecedes antes do noso encontro. Tamén pode que se deixe ver algunha personaxe de Disney que nos pediu acompañarnos ata Mugardos ese día para coñecervos.
Lembrade que tedes que vir con algún adulto, e que hai que respectar as medidas de seguridade (máscara facial, distancia de seguridade e respecto das normas), pero xa sabemos que todo iso ides facelo xenial.
Polo demáis, queremos que saibades que nós vivimos este Nadal coa mesma ilusión de sempre, e que aínda que foi un ano difícil, temos visto nas vosas cartas tantos desexos bonitos e tanto cariño que non quixemos perder a oportunidade de visitarvos de novo e de levarvos os vosos regalos.
Esperámosvos no pavillón o próximo martes!!!
Firmado: As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente Melchor, Gaspar e Baltasar.”