AS CONTAS MUNICIPAIS REMATAN O ANO SANEADAS E CUMPRINDO A NORMATIVA
O concelleiro de Facenda Miguel Mahía informou hoxe de que a situación económica do concello a 31 de decembro de 2020 é de total estabilidade e cumprimento da normativa orzamentaria, o que permite á administración local mugardesa afrontar 2021 libre de cargas.
Mahía adiantou que o seu departamento traballa para ir pechando frontes de xeito definitivo e poder encarar 2021 con total liberdade económica “Nas próximas semanas levarase a aprobación a conta xeral de 2019, o que permitirá pechar por fin ese exercicio económico. Por outra banda, a liquidación do ano 2020 xa podemos adiantar que esperamos un resultado moi favorable, xa que o goberno durante este ano fixo un gran esforzo e non quedan débedas con administracións, traballadores ou organismos pendentes de recoñecer, o que deixa un orzamento totalmente saneado logo de máis dunha ducia de anos arrastrando débedas. Finalmente, non podemos negar que temos todas as nosas esperanzas depositadas no ano 2021. A aposta deste goberno pola reactivación económica e o apoio ás familias mugardesas en 2021 será total, cuns orzamentos centrados na inversión, a mellora dos servizos municipais e as axudas a familias, autónomos e pemes”.
Mahia confirmou que o goberno non manexa nestes momentos ter que facer ningún recoñecemento extraxudicial de crédito en 2021 para incorporar gastos de 2020, o que permitiría a cada departamento dispoñer da totalidade das súas partidas “para facer a renovación e os cambios necesarios que requieren moitos departamentos e lograr enfocalos en atender as demandas actuais da veciñanza”.
No que respecta ás inversións, o responsable do departamento económico municipal confirmou que en 2020 realizouse o 100% das inversións a excepción dos Programas de Obras e Servizos (POS), para os que xa se solicitou un aprazamento á Deputación provincial. O motivo deste aprazamento foi o freo que supuxo a suspensión de prazos administrativos durante o estado de alarma. “En calquera caso, desde a Concellería de Obras e Servizos confirman que esas obras serán realizadas nos primeiros meses de 2021”.
Sobre as inversións para 2021, Mahía subliñou que o goberno traballa para que sexan froito da negociación e o diálogo co resto de forzas políticas da corporación. “O goberno segue coa man tendida a todas as forzas políticas para construir entre todos un Mugardos máis moderno, con mellores servizos enfocados na mellora da calidade de vida no concello, especialmente das familias máis novas”.