ARRINCA O NOVO CURSO DAS ESCOLAS DEPORTIVAS E CULTURAIS ORGANIZADAS POLO CONCELLO DE MUGARDOS
A concelleira de Cultura e Deportes, Begoña Roldós informou hoxe da posta en marcha do curso 2020-2021 das escolas municipais deportivas e culturais co peche definitivo da programación e o inicio mañá 16 de setembro do periodo de matriculación, e o 1 de outubro as clases.
As actividades deportivas programadas este ano son: atletismo, ioga, baile moderno, bailes latinos, baile salón competición, danza coreográfica, predeporte, escalada, Tai-chi, tiro con arco, ximnasia rítmica, ximnasia de mantemento, patinaxe infantil, tenis e zumba; e as actividades desenvoltas no apartado das escolas culturais serán pintura e informática.
As persoas interesadas en realizar a súa inscrición deberán facelo presencialmente, na Oficina de Información Xuvenil do concello, do 16 de setembro ao 10 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Lémbrase que a inscrición pode realizarse tamén vía telefónica, chamando ao 981 470 290 coa extensión #2033, ou a extensión #2060. Así mesmo, pode realizarse tamén a inscrición a través da sede electrónica municipal, cubrindo unha instancia tipo solicitando a matriculación nas actividades que se sinalen, e adxuntando cuberta e firmada a declaración responsable respecto da COVID-19.
O curso das escolas municipais mugardesas con carácter xeral ten unha duración de 8 meses (de outubro a maio) quedando suspendidas as clases durante o Nadal, o Entroido e a Semana Santa.
Como non podía ser doutro xeito, a concelleira quixo subliñar que o Concello de Mugardos aplicará a normativa sanitaria COVID-19 en vigor en cada momento, para garantir a saúde de todos e todas as participantes nas actividades, así como o límite de aforos establecido segundo as actividades e os espazos utilizados.
“Non é un curso normal, pero traballamos para facelo o mellor posible. O inicio das actividades deportivas e culturais municipais son un signo máis de normalidade para a veciñanza, esa normalidade que tanto botamos en falta todos estes meses, e faremos todo canto esté nas nosas mans para lograla, sempre coa máxima seguridade”.