Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

AMPLIACIÓN DA ZONA DE APARCAMENTO NAS INMEDIACIÓNS DO COMPLEXO ACUÁTICO DO CASTRO

A Concellería de Obras, Servizos e Medio Ambiente informa do inicio dos traballos de ampliación do número de prazas de aparcamento para os usuarios e usuarias do Complexo Acuático do Castro.

O custe total dos traballos alcanza os 20.000 euros, que serán asumidos íntegramente pola Administración Autonómica, e suporá acondicionar máis de 50 novas prazas.

Desde principios desta semana, a empresa adxudicataria estivo levando a cabo traballos previos de acondicionamento e nivelación do firme, e no día de hoxe iniciáronse as tarefas de asfaltado, para posteriormente rematar co pintado das prazas previsto para finais da semana próxima.

A zona que se está a acondicionar, que xa se viña usando de xeito precario e sen os permisos requeridos, é agora titularidade municipal logo das xestións realizadas polo goberno mugardés ante a Axencia Galega de Infraestruturas (dependente da Consellería de Infraestructuras e Mobilidade da Xunta de Galicia) que deron como resultado a cesión da parcela situada en zona de afectación da vía rápida para o concello, e que permitiu agora a realización das obras.

O concelleiro de obras Jorge Kuntz sinalou que “aínda que os traballos poidan verse algo afectados pola mala climatoloxía destes días, estarán rematados para o reinicio das actividades no complexo deportivo”.

A medio prazo, Kuntz anunciou que desde a súa concellería e de xeito coordinado coas de Urbanismo, Facenda e Deportes, e segundo o acordo adoptado co Concello de Ares (cotitular das instalacións) na derradeira reunión da mesa de seguimiento das instalacións, o goberno municipal mugardés traballa xa para acometer no ano 2021 unha nova ampliación da zona de aparcamento para os usuarios e usuarias das instalacións, así como no proxecto de ampliación das instalacións deportivas co acondicionamento dunha zona de ximnasio e sala de usos múltiples máis ampla, que permita unha oferta deportiva máis completa e variada.

Back to top