Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

AS AXUDAS SOCIAIS MUNICIPAIS DUPLICARANSE GRAZAS Á APROBACIÓN DO POS SOCIAL DA DEPUTACIÓN

A Concellería de Benestar Social e Igualdade informou de que onte produciuse a aprobación inicial en comisión informativa extraordinaria do chamado “POS Social”, o POS+ adicional 1/2020 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios derivados do covid-19 posto en marcha pola Deputación Provincial.

Segundo explicou a concelleira responsable do departamento Ana Varela, a proposta aprobada incorporará ao orzamento municipal 23.581,28 € para financiamento dos gastos sociais extraordinarios derivados do COVID-19, 14.550,00 € para a adquisición de medios de prevención (EPIs) para o persoal municipal de atención social, 20.000,00€ para a ampliación da dotación das partidas destinadas a garantir ingresos suficientes ás familias, para asegurar a cobertura das súas necesidades básicas, e 8.450,00€ para outros gastos imprescindibles e urxentes para atender ás persoas especialmente vulnerables con motivo desta crise.

“Este plan de axudas provincial permitirá duplicar as axudas sociais municipais directas a veciños e veciñas que se viran especialmente afectados pola crise do covid. Agora máis que nunca, os concellos teñen que estar á altura das circunstancias, e ser a man que os veciños e veciñas necesitan para non caer na exclusión social por mor desta crise, e estas axudas serán unha excelente ferramenta”.

Para rematar, a concelleira mostrou a súa confianza en que “este acordo sairá do pleno por unanimidade. Na comisión informativa Esquerda Unida e o Bloque non se sumaron á proposta, pero de seguro o farán no pleno, porque é imposible que alguén non vexa a importancia de avanzar conxuntamente nas medidas que se adoptan nun concello, porque non son ideas abstractas, son cartos contantes e soantes destinados na súa totalidade ás persoas que peor o están a pasar”.

Back to top