Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NA ESCOLA DE ENVELLECEMENTO ACTIVO MUNICIPAL

A escola de envellecemento activo municipal para maiores de 55 anos vén de poñerse en marcha para o curso 2020-2021 coa apertura do prazo de inscrición segundo informou hoxe a concelleira de Benestar Ana Varela.

Este ano a oferta formativa que dará comezo o 1 de outubro, amplíase para seguir ofrecendo propostas de calidade e interese á veciñanza, e comprenderá as seguintes actividades:

  • No Local Social de Maiores de Mugardos, impartiranse memoria e lectoescritura.
  • No Centro Cívico Municipal, ofrecerase teatro.
  • Na Casa da Cultura, as persoas interesadas poderán asistir ás clases de alfabetización dixital.
  • No edificio Francisco Vizoso de Franza, terán lugar as sesións de memoria e manexo de smartphone e as distintas aplicacións.
  • Na SRCD San Xoán de Piñeiro poderase asistir tamén ás clases de manexo de smartphone e as distintas aplicacións.
  • E na Escola Infantil do Seixo impartiranse memoria, comprensión oral e escrita, e manexo de smartphone e as distintas aplicacións.

As persoas interesadas en obter máis información ou inscribirse poden facelo ata o 7 de outubro presencialmente nas oficinas dos servizos sociais municipais (2º andar da Casa do Concello), telefónicamente chamando ao 981 470 338 (Extensión #2034) ou a través da sede electrónica municipal (https://sede.concellodemugardos.gal/opencms/gl/).

Os grupos mínimos este curso para a posta en marcha das actividades serán de 10 persoas, e os prezos das mesmas serán de 7 euros, agás a clase de teatro que ten un custe de 9 euros.

A concelleira confirmou que aplicarán todas as medidas de prevención de contaxios que desde as autoridades sanitarias se vaian determinando coma necesarias en función da situación epidemiolóxica de cada momento ao longo do curso, e sinalou que para o inicio do curso determináronse coma obrigatorios o uso da máscara facial e o mantemento do distanciamento social, así como a máxima ventilación posible en función das características dos locais e desinfección previa ao desenvolvemento das actividades nos correspondentes espazos.

Ana Varela destacou que desde os servizos sociais a escola de envellecemento activo ten a consideración de actividade preventiva, saudable, socializadora e imprescindible para unha mellora na calidade de vida para moitos mugardeses e mugardesas. “Trátase de actividades que algún pode entender coma simple ocio, pero teñen outras lecturas que as fan imprescindibles desde o punto de vista dos servizos sociais. Logo de moitísimos meses con menos actividades municipais dirixidas aos maiores das que nos gustaría, arrincamos o curso da escola de envellecemento activo con moita cautela pero moi esperanzados de que sexa o reinicio das propostas formativas e de ocio para os maiores, e que no caso de que a  evolución da pandemia sexa positiva queremos seguir ampliando”.

Na seguinte ligazón pode accederse e descargarse a solicitude de inscrición para as actividades:

IR Á LIGAZÓN Instancia solicitude actividades escola de envellecemento activo 2020

Back to top