Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS AUMENTA UN 60% OS USUARIOS E USUARIAS DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR EN 10 MESES

A concelleira de Benestar Social Ana Varela informou hoxe da evolución nos últimos meses no servizo de axuda no fogar, que na actualidade non ten ningunha solicitude pendente de tramitación e estase a piques de eliminar definitivamente a lista de agarda.

A concelleira realizou unha comparativa entre os meses de novembro de 2019 e agosto de 2020 e presentou os datos obtidos tanto de usuarios como de horas prestadas en cada un dos meses.

Segundo os datos aportados, os usuarios atendidos en 2019 con dependencia recoñecida eran 36, aos que se lles prestaban un total de 1530 horas, e na actualidade son 53 usuarios aos que se lles prestan un total de 1794 horas.

Os usuarios sen aínda dependencia recoñecida, aqueles aos que se lles presta o servizo a través da coñecida como prestación básica, pasaron de 11 no 2019 a 23 na actualidade, pasando as horas prestadas de 107 a 496 respectivamente.

A concelleira expuxo que para acadar este nivel de atención, no que os usuarios do servizo de axuda no fogar aumentaron un 60% e as horas prestadas incrementáronse tamén un 40%, o esforzo realizado polo goberno municipal foi moito. “Tivemos que facer unha aposta decidida pola atención especialmente desde o punto orzamentario, trasladando cartos doutras partidas para poder afrontar o custe do aumento da atención, pero cunha crise sanitaria como a que estamos a sufrir é unha prioridade prestar o servizo de axuda no fogar aos maiores e dependentes”.

Ana Varela destacou que o compromiso do goberno é seguir aumentando o servizo, e que cos novos orzamentos previstos para 2021 está previsto ampliar as prestacións. “Traballamos co compromiso de non ter lista de agarda e non ter tramitacións pendentes. Unha vez acadado este obxectivo, que deberemos manter o resto da lexislatura, centrarémonos en ampliar os servizos para seguir mellorando a prevención. Porque nós concebimos este servizo como unha asistencia integral que permita o coidado pero tamén a prevención de patoloxías nos nosos maiores, por iso traballamos para incorporar o servizo de fisioterapia ás nosas prestación en 2021, sempre que as condicións sanitarias e epidemiolóxicas o permitan”.

Back to top