Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A XUNTA DE GOBERNO LOCAL INICIA A LICITACIÓN DAS OBRAS NO BAÑO E BEIRAMAR

A semana próxima abrirase o prazo para a recepción de ofertas

O concelleiro de Obras e Servizos, Jorge Kuntz, informou hoxe de que na última sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, aprobouse o inicio da licitación das obras da pista multideporte e o parque infantil no Baño, así como das obras na zona de Beiramar e os seus accesos.

O importe de licitación das obras no Baño alcanza os 100.880,91 euros e o das obras en Beiramar chega aos 180.654,95 euros.

As actuacións no parque sito na urbanización do Baño consistirán na instalación dunha pista multideporte perimetrada e dun parque infantil cun castillo xigante de máis de 18 metros de lonxitude.

O proxecto aprobado para a mellora da área recreativa de Beiramar e os seus accesos suporá o acondicionamento do vial que vai desde O Monte ata Beiramar, a reestructuración e renovación completa da actual pista de fútbol sala, así como a instalación dunha pista de baloncesto. Ambas zonas contarán con novo chan, alumeado, mobiliario e equipamento deportivo. Así mesmo, levaranse a cabo traballos de paisaxismo e xardinería para humanizar a zona en función da súa contorna.

Kuntz aproveitou para informar do inicio das obras de habilitación de espazo para aparcamento e mellora de accesibilidade peonil na contorna do Colexio CPR Loyola.

Sobre o avance nas licitacións e execución das obras, o responsable do departamento municipal de obras sinalou que “parecen superados os problemas de abastecemento de materiais que estivemos a padecer nos últimos meses, pero agora, coa suba dos prezos estamos a encontrarnos con licitacións que quedan desertas e incluso adxudicacións ás que as empresas renuncian xa que non lles compensa pola suba dos prezos. Nós seguimos traballando para sacar adiante os proxectos e traballar o máis e mellor posible para facelos realidade”.

Back to top