Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A CONCELLERÍA DE BENESTAR SOCIAL INFORMA QUE É POSIBLE ENTREGAR A DOCUMENTACIÓN REQUERIDA DO BONO SOCIAL TÉRMICO NO CONCELLO

A concelleira Ana Varela informou hoxe que desde o seu departamento colaborarase cos solicitantes do bono social térmico para a presentación documentación que lles fose requerida para a aprobación da axuda.

O bono social térmico é unha axuda xestionada pola Xunta de Galicia, con cargo ao orzamento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, destinada a compensar os gastos de subministración de enerxía para usos térmicos, como calefacción e auga quente. Teñen dereito a percibir o bono social térmico do ano 2020 os beneficiarios do bono social eléctrico a 31/12/2019.

O Inega publicou xa o 9 de novembro unha resolución pola que se notifica o dereito á percepción desta axuda indicando o importe que lle corresponde a cada unha das persoas e se teñen que completar documentación ou non.

Os beneficiarios teñen ata o 23 de novembro para presentar a documentación ou solicitar a renuncia á percepción desta axuda.

Desde os servizos sociais municipais infórmase de que todas as persoas interesadas poderán solicitar axuda e información de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas chamando por teléfono ao 981 470 290 (extensión: #2017). As persoas que desexen atención presencial deben solicitar cita previa chamando a ese mesmo número de teléfono.

Back to top