A BESTARRUZA É XA UNHA PRAIA LIBRE DE FUME
Desde o Concello sinalan que non existe sanción para o incumprimento por parte dos cidadáns, xa que se trata dunha elección voluntaria e persoal
A concelleira de Benestar Social, Ana Varela, informou hoxe da obtención por parte da praia da Bestarruza da acreditación de Praia sen fume, dentro da campaña sanitaria de desnormalizar o consumo de tabaco na poboación, tentando acadar a participación activa da sociedade no obxectivo de normalizar o feito de “non fumar”.
Na Bestarruza como praia sen fume está prohibido fumar na zona do areal a partir da sinalización, pero non existe vixilancia, nin sanción para o incumprimento por parte dos cidadáns xa que se trata dunha elección voluntaria e persoal. O feito de seleccionar unha praia sen fume como lugar de ocio e, polo tanto, o cumprimento da norma de “non fumar” é unha responsabilidade persoal.
O Concello de Mugardos, coa obtención desta acreditación para a praia, deberá desenvolver actividades ou accións encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco como charlas dirixidas á poboación sobre os beneficios de non fumar ou dando soporte para actividades levadas a cabo no ámbito escolar.
A Rede galega de praias sen fume naceu no ano 2016 e en 2021 contaba xa con 187 praias acreditadas de 77 concellos, co obxectivo de avanzar na desnormalización do consumo de tabaco na poboación, partindo de que unha actitude negativa ante o tabaco fará que moitos mozos e mozas non empecen a fumar (xa que a anticipación da idade adulta e a imitación da conduta dos adultos forman parte dos factores causais do inicio).
Un dos obxectivos da rede é que os nenos/as e a mocidade saiban que “o normal é non fumar”. O feito de ampliar a prohibición do consumo ás praias fai avanzar e cambiar a percepción social sobre o tabaco.