O CONCELLO INSTALA UNHA CARPA NO CEIP UNIÓN MUGARDESA PARA A AMPLIACIÓN DE ESPAZOS
O alcalde Juan Domingo de Deus informou hoxe que o goberno municipal aprobou a instalación dunha carpa duns 150 metros cadrados no CEIP Unión Mugardesa destinada a cubrir as necesidades plantexadas pola dirección do centro, e que esta xa está instalada co que os nenos e nenas poderán facer uso dela xa desde mañá luns.
A carpa, que está previsto manter instalada durante todo o curso escolar se a dirección do centro así o estima oportuno, ten unas medidas de 10 x 15 metros, cunha porta de acceso de 5 metros e protección de escuma nos pilares para evitar golpes. O uso previsto é a ampliación de espazo tanto para os días de choiva como para as merendas.
Esta medida vén a sumarse a todas as accións desenvoltas desde a administración local neste inicio do curso 2020-2021 de xeito conxunto cos centros de ensino: contratación dunha empresa de limpeza, instalación de portarrollos, cesión de termómetros, reposición de material, posta en marcha do comedor escolar, adaptación das aulas de AL y PT, etc.
Outras medidas ofrecidas polo goberno municipal, como a instalación de ata 250 mamparas individuais nos pupitres do alumnado dos centros de Unión Mugardesa e Santiago Apóstol, non fixo falta desenvolvela logo de que finalmente as direccións dos centros non a considerasen necesaria.
A concelleira de Ensino Begoña Roldós quixo destacar que “obviamente, o goberno municipal está a prescindir doutras accións para priorizar as actuacións nos centros educativos, pero consideramos que os veciños e veciñas de Mugardos comparten esta decisión, e sentímonos enormemente apoiados á hora de poñer a disposición dos centros todos os medios materiais e recursos económicos dos que dispoñemos, co único obxectivo de que o curso escolar se desenvolva do mellor xeito posible”.