Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A XUNTA DÁ LUZ VERDE AO PLAN DIRECTOR DE NOVILLE, QUE PERMITIRÁ PÓR EN VALOR OS RESTOS DA VILA ROMANA

A Concellería de Cultura informa do acordo adoptado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para a elaboración dun plan director para a vila romana de Noville.

O plan director, que será elaborado pola empresa Trivium e do que a Xunta de Galicia asumirá o custe do mesmo, ten como obxectivo dotar de planificación estratéxica a xestión ordinaria do núcleo arqueolóxico de Noville, cunha folla de ruta que propoña uns plans estratéxicos e accións concretas, con orzamentos, prioridades e marcos temporais a curto, medio e longo prazo, para guiar aos responsables da xestión do espazo e establecer as políticas futuras que manteñan un equilibrio entre a conservación e o uso do espazo.

O papel clave desempeñado ao longo da historia xunto coa súa excepcional situación xeográfica, fan do núcleo de Noville un recurso de primeira orde que pode axudar a crear dinámicas socio-turísticas complementarias, e xerar oportunidades culturais e económicas para todo o concello.

O primeiro paso, xa autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio, consistirá no desbroce das parcelas nas que se atopan os restos para o que xa se conta coas autorizacións de todos os propietarios.

Desde a concellería informan tamén que xa se está a traballar nun plan para 2021 no que se logre localizar e negociar a adquisición das parcelas nas que se atopa o xacemento e anexas, o que permitiría seguir coas catas co obxectivo de atopar novos restos.

A concelleira Begoña Roldós afirmou que o goberno municipal ten como eixe estratégico do seu goberno o posicionamento de Mugardos como un destino turístico patrimonial “trátase dun turismo non masificado, pero que encaixa cos nosos obxectivos e cos recursos únicos cos que conta Mugardos. Non ten sentido traballar no desenvolvemento de propostas de conservación do patrimonio e non unilo á súa posta en valor e ao turismo”.

A vila marina romana competa de Noville (Mugardos), habitada entre los séculos III e IV d. C. é un dos xacementos romanos de maior relevancia da provincia da Coruña. A súa excavación, dirixida por Fermín Pérez Losada entre os anos 1988 e 1989, supuxo un fito no coñecemento deste tipo de establecementos na Gallaecia romana. De feito os distintos métodos de intervención arqueolóxica empregados no seu estudo permitiron coñecer de forma case integra a planta dun edificio que pertenceu á “pars urbana” da vila.

Back to top