30 PERSOAS DESFRUTARON DA “III NOITE DAS ESTRELAS” NO CALDOVAL
No Centro de Interpretación de Caldoval celebrouse o pasado domingo 23 de agosto ás 22:00h a “III Noite de Estrelas”.
Un ano máis contouse coa participación de Antón Bouzas, biólogo, paisaxista e experto en astronomía cultural. Utilizando unicamente o ceo nocturno como guía para todos os espectadores, realizou unha interesante e completa exposición ao longo dunha amena hora e media. Un percorrido polo universo establecendo conexións entre o mundo antigo e a época actual para que nenos e maiores gozasen dunha experiencia astronómica apaixoante e enriquecedora.
Grazas á presenza dun ceo despexado e unha temperatura agradable propia do mes de agosto, a actividade levouse a cabo no exterior do centro cun aforo limitado a 30 persoas con previa reserva, para garantir os protocolos de seguridade e hixiene na prevención de contaxios por COVID19. Como ven acontecendo en anos anteriores, este evento tivo unha grande acollida, cubríndose todas as prazas dispoñibles nun curto período de tempo e deixando unha considerable listaxe de agarda.