Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CALDOVAL INICIA A TEMPADA DE ACTIVIDADES DE LECER ESTE VENRES

O tempo de lecer volta ao Centro de Interpretación do xacemento romano de Caldoval, este ano marcado polas medidas de seguridade e hixiene que son precisas para previr os contaxios por COVID19. Por iso, renóvanse as actividades de verán cunha grande oferta dirixida tanto a pequenos/as coma a adultos/as e baixo un estricto protocolo contra a COVID19.

Ademais das exitosas visitas guiadas que, dende a fin do Estado de Alarma veñen realizándose de xoves a domingos ás 10:30, 12:30, 16:30 y 18:30h, reanudase esta semana o desevolvemento dos obradoiros didácticos e as “12 probas de Caldoval”, para que o público infantil poida coñecer o centro dun xeito máis lúdico.

Os obradoiros terán lugar de xoves a domingo, ás 11:30 e ás 17:30h, pero neste verán serán todos baixo previa reserva no teléfono 687 072 116 ou no correo electrónico info@museocaldoval.gal e cun aforo máximo de 8 participantes por obradoiro. Destaca como novidade o obradoiro “Pequenos investigadores”, onde a cativada aprenderá dun xeito lúdico a historia e as lendas sobre os principais deuses da Antigüidade.

Así mesmo, a concellería de Cultura e Turismo do Concello de Mugardos continúa coa promoción de diversos eventos especiais que teñen moito éxito de convocatoria.

En primeiro lugar, a “III Xornada de Xogos Romanos en Familia” desenvolverase, este ano de xeito extraordinario en dous días, o sábado 18 e 19 de xullo pola tarde de 18:30 a 21:00h. A causa da limitación de aforo, ofértanse este ano dúas tardes para unha edición especial titulada “A inmunidade de Galeno”, onde relacionarase a situación epidemiolóxica actual coa historia do médico deportivo máis importante de Roma ao tempo que os participantes poderán divertirse xogando a diversos xogos romanos coma o Trigón, o xogo da letra Delta, a Tabula Lusoria e incluso algún novo pasatempo de lóxica matemática porque xa sabemos… “Mens sana in corpore sano”.

O sábado 22 de agosto terá lugar o obradoiro de escritura romana “Ars Scribendi”, dirixido tanto a rapaces coma a maiores que queiran indagar nas técnicas empregadas na antigua Roma para escribir. Poderán empregar, por exemplo, cálamos e papiros para imitar as tipografías da época.

Por último, durante o mes de agosto tamén celebrarase cunha nova edición da actividade para tódolos públicos da “Noite de Estrelas en Caldoval”, que consiste na observación astronómica realizada no exterior do Centro de Interpretación da man de Antón Bouzas, biólogo, paisaxista e experto en astronomía cultural.

A inscrición nas diferentes actividades poderá realizarse a través do correo electrónico info@museocaldoval.gal ou no teléfono 687 072 116 (en horario de apertura do centro). Este ano é imprescindible a reserva previa para todas as actividades agás “As 12 probas de Caldoval” e as visitas guiadas que estarán limitadas a un máximo de 18 persoas por visita, polo que é recomendable reservar igualmente.

 

Back to top