Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

NENOS E NENAS PODERÁN DESFRUTAR DE “MUGARDOS, UN VERÁN DIFERENTE” OS MESES DE XULLO E AGOSTO

A Concellería de Cultura mugardesa vén de presentar o programa de obradoiros de verán gratuitos “Mugardos, un verán diferente”, que desenvolverá o concello no CEIP Unión Mugardesa durante os meses de xullo e agosto e ata o 4 de setembro, e destinado a nenos e nenas de 6 a 12 anos.

Os participantes poderán apuntarse nos dous horarios dispoñibles: de 8. 30 a 14.00 horas e de 10.30 a 14.00 horas e por mensualidades, e o número total de prazas dispoñibles será de 35 cada mes (o número mínimo de usuarios será de 10).

En canto á organización dos nenos e nenas, distribuiranse sempre en grupos fixos durante as actividades, e o uso de máscara será obrigatorio.

A concelleira Begoña Roldós destacou a decisión do goberno municipal de facer esta  actividade totalmente gratuita, co obxectivo de axudar ás familias no referente á conciliación e lamentou que non exista a posibilidade de dispoñer de comedor “Son moitos os cambios aos que estamos sometidos por mor do coronavirus, pero aínda que con algúns cambios e moitas medidas de seguridade e prevención, os nenos e nenas mugardeses poderán desfrutar dunha actividade de verán organizada polo concello e chea de aprendizaxes, risas e xogos”.

As preinscricións deberán rexistrarse no concello presencialmente e para máis información as persoas interesadas poden chamar ao 981 470 338 (extensión: #2033) ou acercarse á OMIX (Avenida de Galicia nº 45, soto (acceso pola praza do Zárate).

Back to top