Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ARRINCA A AXENDA DO VERÁN CULTURAL DE MUGARDOS CHEO DE MÚSICA E BAILE PARA OS MÁIS NOVOS

A Concellería de Cultura encabezada por Begoña Roldós informa do inicio das actividades culturais organizadas polo concello a partir do mes de xullo.

Os días 1, 2, 3 e 4 de xullo desenvolverase no pavillón do Cristo o festival Mudanzas, organizado polo club de danza Móvete e co que colabora o concello. O festival, que conta xa con máis de 110 participantes inscritos, terá como plato forte o II campionato MuDanzas no Cantón de Cora o próximo sábado a partir das 17.00 horas. Este é un evento aberto ao público no os participantes, alumnos e alumnas das escolas de baile inscritas, competirán nas distintas categorías existentes.

As actuacións organizadas pola concellería darán comezo cos pasarrúas cheos de música e diversión dos días 6 e o 9 de xullo, que percorrerán a vila entre a Casa do Concello e o peirao, e que farán as delicias do público máis novo.

Seguindo coas actuacións, na praza do concello desenvolveranse os espectáculos A fraga do meu avó e A nena e o grilo máis aló os días 11 e 15 de xullo respectivamente. Maxia, música, risas e teatro para un público familiar e con ganas de pasalo ben.

A partir de mediados de xullo, e en colaboración coas sociedades Casino Mugardés, SRSD San Xoán de Piñeiro, Sociedade Amigos da Paisaxe Galega e Casino Progreso de Franza, a concellería ten programados espectáculos de contos, monicreques e malabrares para os nenos e nenas mugardeses: o 16 de xullo Titanic, o 24 de xullo Ghop!, Os romeiros do caracol o 25 de xullo e Rodarirrodario o 26.

A concelleira quixo destacar a importancia de volver a programar actividades, especialmente para os máis pequenos e pequenas da casa, e fixo fincapé na programación das actividades no exterior “temos que desfrutar das rúas, do verán e das posibilidades que nos dá para organizar actividades que permitan desfrutar ás familias ao aire libre”.

Back to top