Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

NOVO IMPULSO AOS PROXECTOS MUNICIPAIS LOGO DA REUNIÓN ENTRE O ALCALDE E A PRESIDENTA DE PORTOS DE GALICIA

O alcalde Juan Domingo de Deus e Susana Lenguas, presidenta de Portos de Galicia deron un novo impulso aos múltiples proxectos nos que están a traballar conxuntamente ámbalas dúas administracións na nosa vila.

Destacaron especialmente os avances relativos á concesión da Casa do Reloxo por parte de Portos de Galicia á administración mugardesa, que está agora pendente da entrega dunha memoria técnica co proxecto ideado para a posta en valor do inmoble.

O alcalde sinalou a súa satisfacción e agradecemento pola boa disposición que mostra a administración portuaria “que permitirá por fin solicitar a concesión e recuperar un edificio histórico e querido polos mugardeses e mugardesas, para ter un lugar no que honrar a nosa estreita relación coa mar”.

No que respecta á ampliación das prazas do pantalán e á construcción dun dique de abrigo para as embarcacións, tema que xa se tratou na visita que realizou tamén á vila a conselleira Rosa Quintana fai uns días, a presidenta de Portos confirmou que levarán a cabo un estudo que permita coñecer as posibilidades técnicas existentes e que permitan solucionar tanto a lista de agarda existente co novo pantalán como evitar os danos que sofren as embarcacións cos temporais co dique de abrigo.

Outros asuntos nos que se avanzou na reunión foron o establecemento de canles de colaboración que permitan a peatonalización do peirao en días concretos e sempre co consenso de todos os axentes implicados (veciños e veciñas, comerciantes, concello e Portos), o pintado das prazas de aparcamento da praza da Constitución (que probablemente terá lugar ao longo de 2021), a fixación dun marco de colaboración máis amplo entre policía local e policía portuaria, e as posibilidades de desenvolvemento no peirao mugardés dun novo club náutico.

“Na reunión falouse do presente, pero tamén do futuro do peirao. Hai que planificar, negociar e traballar arreo tamén coa mirada posta no futuro da nosa vila, e ese futuro non podemos escribilo de costas ao mar. Esta é unha visión compartida tanto polo goberno municipal como por Portos de Galicia. A disposición de colaboración e apoio entre as dúas administracións é total, e xa estamos a traballar para facer realidade proxectos que modernizarán e revitalizarán a nosa vila” concluíu o alcalde.

Back to top