Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A XUNTA DE GALICIA DÁ LUZ VERDE Á AMPLIACIÓN DAS INSTALACIÓNS DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL

O alcalde Juan Domingo de Deus e a concelleira de Benestar Ana Varela informaron hoxe do acordo alcanzado coa Xunta de Galicia para a firma dun convenio entre o Concello de Mugardos e a Consellería de Benestar para a ampliación das instalacións da Escola Infantil Municipal “As Lagoas”.

Desde hai meses o goberno municipal traballa neste proxecto que xa foi presentado no mes de marzo á dirección do centro nun encontro que tiña como obxectivo mostrar o traballo previsto de remodelación da escola infantil municipal, e escoitar as súas propostas.

O proxecto presentado recolle moitas das demandas que ao longo dos anos de funcionamento do centro os pais e nais dos alumnos teñen solicitado, así como as achegas realizadas polas propias traballadoras encargadas dos nenos e nenas.

O principal cambio será a modificación do coñecido como “punto de entrega” e que permitirá acceder cos vehículos ata as instalacións da escola, permitindo deixar e recoller aos nenos e nenas nun espazo completamente cuberto.

Tamén se realizarán modificacións que afectarán ao interior das instalacións, ampliando e reacondicionando as actuais, o que permitirá a mellora substancial dos espazos comúns.

Para a consolidación da colaboración entre as dúas administracións (concello e Xunta) firmarase un convenio plurianual no que a aportación total da administración municipal roldará os 50.000 euros.

O alcalde quixo destacar o intenso traballo realizado para logar este primeiro paso “foron moitos meses de reunións, chamadas e petar nas portas. Estamos moi satisfeitos polo acordo acadado pero agora queda o realmente importante, convertir este proxecto nunha realidade o antes posible para que os usuarios da escola infantil poidan desfrutar dunhas mellores instalacións”.

A concelleira Ana Varela pola súa banda sinalou que “este é un primeiro paso importante para a transformación das instalacións e traballouse e traballarase sempre pensando nos usuarios e usuarias da escola infantil, coa colaboración das traballadoras do centro e para a mellora do benestar dos nenos e nenas”.

Back to top