Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ATA 25 PERSOAS TRABALLARÁN NA LIMPEZA DO CONCELLO DE MUGARDOS DURANTE O VERÁN

A Concellería de Servizos, Obras e Medio Ambiente informa do reforzo das tarefas de limpeza durante a tempada estival coa contratación de persoal que permitirá chegar ata os 25 entre técnicos/as e operarios/as operarias, destinados en exclusiva á limpeza de rúas, camiños, cunetas e espazos públicos.

En concreto, aos 6 membros da plantilla municipal asignados á Concellería de Obras, Servizos e Medio Ambiente uniranse 2 tractores dunha empresa contratada así como un operario manual tamén da empresa, 1 persoa asignada a través da subvención APROL RURAL, 4 persoas a través da subvención do PEL (Plan de emprego local), 1 Técnico de Medioambiente por subvención da Consellería de Medio Ambiente, 5 persoas a través da subvención de limpeza de praias e 5 membros para a brigada contraincendios.

O concelleiro Jorge Kuntz expuxo a situación actual do concello e os obxectivos marcados para este verán no relativo á limpeza “Co estado de alarma estivemos case 2 meses sen poder levar a cabo as tarefas de limpeza, co cal encontrámonos con espazos con moita máis vexetación, moi alta e na que é moi difícil traballar. Por tanto, ao retraso no inicio das tarefas de limpeza temos que sumarlle que os traballos son máis longos pola complexidade, e a maquinaria está moito máis exposta ás avarías”.

“Todos estamos afectados pola situación da maleza actual pero pedimos á veciñanza comprensión e paciencia, traballamos intensamente na mellora dos espazos e estamos seguros de que pronto notarase todo ese traballo” concluíu Jorge Kuntz.

A medio prazo, desde a concellería expresan a súa intención de sacar a licitación distintas propostas de limpeza e mantemento que permitan mellorar e planificar de xeito máis adecuado todas estas tarefas.

Back to top