OS CONCELLOS DE ARES E MUGARDOS TOMAN MEDIDAS ANTE O CORONAVIRUS
Os alcaldes de Mugardos e Ares, Juan Domingo de Deus Fonticoba e Julio Iglesias Redondo veñen de cancelar ata o próximo 31 de marzo todas as actividades deportivas e culturais municipais, así como as súas instalacións, seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias e como medida de precaución adicional ás xa coñecidas pola veciñanza.
As oficinas municipais de ámbolos dous concellos manteranse abertas ainda que anímase á veciñanza a realizar o maior número posible de trámites coa administración local vía telefónica ou a través das sedes electrónicas. Os servizos municipais básicos así como o servizo de axuda no fogar manteranse con normalidade.
Estas medidas foron consensuadas entre os dous rexidores, que fan un chamamento á responsabilidade colectiva “É traballo de todos protexernos e protexer o noso sistema sanitario. O máis seguro é manter as máximas medidas de hixiene e minimizar os desprazamentos. No momento no que se sospeite que puidera terse algún síntoma, o mellor é chamar ao 900 400 116.
Os veciños e veciñas poden estar tranquilos, pero deben manter unas mínimas medidas preventivas do mesmo xeito que o fan os concellos, e por iso suspendemos as actividades municipais ata o próximo día 31. Por suposto as actividades que non se presten non deberán ser abonadas polos usuarios, xa traballamos nas medidas económicas compensatorias”.