O CONCELLO ULTIMA COA XUNTA O CONVENIO PARA IMPULSAR A NOVA BIBLIOTECA MUNICIPAL NO CINE ZÁRATE
O Concello de Mugardos ultima coa Xunta de Galicia o convenio de colaboración que permitirá complementar os custos de execución da futura biblioteca municipal no edificio do antigo Cine Zárate, cuxa licitación se prevé nas próximas semanas.
Este proxecto supoñerá un fito para o municipio ao converterse na primeira biblioteca municipal nun edificio de titularidade propia do Concello, dado que a actual biblioteca atópase situada nun inmoble pertencente a Abanca. O proxecto de rehabilitación do antigo Cine Zárate xa recibiu o visto e prace da dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, tras adaptar a proposta ás recomendacións técnicas realizadas por este organismo.
A nova infraestrutura foi deseñada para ofrecer un espazo moderno, accesible, funcional e adaptado a diferentes usos culturais e educativos. O edificio contará cunha planta soto, aproveitando o desnivel coa Praza da Fonte, destinada a sala para presentacións, charlas e actividades culturais. A planta baixa, onde se situará o acceso principal, dispoñerá de recepción, zonas de traballo en pequeno grupo, mesas de estudo e un espazo infantil. Finalmente, a planta superior estará orientada a público xuvenil e adulto, incorporando espazo multimedia, áreas de estudo, zonas de lectura, descanso e unha terraza que poderá albergar actividades puntuais.
Así mesmo, o deseño incorpora criterios de eficiencia enerxética e aforro, co obxectivo de reducir custos de mantemento e mellorar a sustentabilidade do edificio a longo prazo.
O alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, destacou que “foi un proxecto complexo pola súa dimensión técnica, económica e patrimonial, pero estamos a falar dunha actuación transformadora que permitirá a Mugardos contar por primeira vez cunha biblioteca municipal nun edificio propio, moderno, eficiente e preparado para as necesidades culturais e educativas do futuro”.
A actuación alcanzará un investimento global aproximado de 1,2 millóns de euros, dos cales Reganosa achegará 1 millón de euros e a Xunta de Galicia contribuirá con 245.000 euros. Esta contía inclúe a execución de obra, custos de redacción do proxecto, memoria técnica, coordinación de seguridade e saúde, dirección facultativa e traballos asociados de control.
En próximas datas o Concello dará a coñecer novos detalles sobre a distribución definitiva de espazos, deseño interior e desenvolvemento do proxecto.