O CONCELLO ADXUDICA O CONTRATO DE MANTEMENTO E MELLORA DE ZONAS VERDES
O Concello de Mugardos adxudicou o contrato do servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arboredo municipal á empresa Xardinería Arce S.L., tras a tramitación do correspondente procedemento aberto.
O contrato adxudícase por un importe anual de 61.886 € (sen IVE), ao que se suma un 21% de IVE por valor de 12.996 €, o que eleva o total anual a 74.882 €.
Este servizo resulta fundamental para garantir o correcto estado das zonas verdes do municipio, contribuíndo á mellora da calidade de vida da veciñanza, así como ao coidado da contorna natural e urbana.
O concelleiro delegado de Obras, Servizos, Medio e Tics, Jorge Kuntz, destacou que “este contrato permite dar continuidade a un servizo esencial para o municipio, asegurando o mantemento adecuado dos nosos espazos públicos e avanzando na súa mellora progresiva”.
Así mesmo, subliñou que “desde o goberno local seguimos traballando para que Mugardos conte cuns espazos verdes coidados, accesibles e sostibles, a pesar das dificultades que en moitas ocasións xorden na xestión diaria”.
Con esta adxudicación, o Concello reforza o seu compromiso coa conservación da contorna e a mellora dos servizos municipais.